• HOXE REUNIUSE A PARTE ASOCIATIVA DO COMITÉ ORGANIZADOR PARA CONTINUAR DESEÑANDO O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO CERTAME
• ESTA SEGUNDA CONVOCATORIA CELEBRARASE DO 28 AO 30 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, continúa traballando para a súa segunda edición, a cal terá lugar do 28 ao 30 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Neste sentido, e co obxectivo de avanzar no deseño do seu programa de actividades, a entidade feiral mantivo hoxe unha reunión telemática coa parte do Comité Organizador vinculada ao ámbito asociativo dos sectores implicados.
Durante o encontro definíronse distintos aspectos relativos á estrutura do programa, ademais da temática das xornadas, talleres e presentacións a celebrar, as cales se ultimarán durante as próximas semanas.
Propostas que se unirán a numerosas demostracións e simulacros para conformar unha feira con gran atractivo e única no sector, polo seu carácter dinámico e a facilidade para mostrar en funcionamento multitude de desenvolvementos e produtos que noutros certames só poden exhibirse de forma estática.
Magnífica colaboración do sector
A reunión contou coa participación de destacadas asociacións e colectivos, os cales se implicaron activamente para actuar de interlocutores co sector e dotar de contido de máximo interese ao programa de Sedexpo, organizando actividades propias e analizando outras propostas.
Así, esta mañá fixeron as súas achegas os representantes da Alianza Española de Seguridade e Crise (AESYC), a Asociación Internacional de Membros e Corpos de Seguridade e Emerxencias (AIMCSE), a Asociación de Directores de Seguridade (ADISPO), a Asociación Europea de Profesionais para o Coñecemento e Regulación de Actividades de Seguridade Cidadá (AECRA), a Federación Empresarial Española de Seguridade (FES), Asociación Galega de Sistemas Intelixentes non Tripulados (AGASINT), Asociación de Xefes e Directores de Seguridade de España en Galicia (AJDSE GALICIA), Asociación de Investigación para a Seguridade de Vidas e Bens e a Asociación Nacional de Profesores Acreditados de Seguridade Privada (ANPASP).
Ademais, as restantes entidades pertencentes ao Comité Organizador, que non puideron participar hoxe no encontro, tamén trasladarán propostas á entidade feiral.