A premiada compañía chega con ‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’ este domingo 12 ás 19.00 h ao auditorio municipal
A imaxinación dáse cita no Rosal esta fin de semana. Tanxarina chega este domingo 12 ao municipio con ‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’, un espectáculo de teatro infantil que combina monicreques, música e aventura para reivindicar a amizade, a solidariedade e a defensa da lectura.
A través desta adaptación da novela de Carlos Labraña, a compañía narra para o público como o ratón bibliotecario Ramón Milano e a súa amiga Sara loitan por salvar a Toribio, Espantapaxaros Amigo e Lobo Namorado da influencia maléfica do profesor Smith e da súa IA fantástica. Unha comedia disparatada e chea de emoción que lembra á cativada a importancia da fantasía e da palabra escrita.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a relevancia deste tipo de propostas culturais “nas que literatura e teatro se combinan para transmitir valores tan importantes coma a amizade e a solidariedade. Estas actividades tamén fomentan a lectura e a imaxinación, que son imprescindibles para o desenvolvemento das nosas nenas e nenos”.
A compañía galega Tanxarina Títeres, premiada coa Crítica 2024 e con máis de 40 anos de traxectoria, xunto co escritor Carlos Labraña, artífice dunha das voces máis premiadas do teatro infantil galego, fan desta función un evento imprescindible para toda a familia. A actuación forma parte das celebracións do 75 aniversario da editorial Galaxia e está pensada para conquistar ao público máis novo e aos adultos que acompañan.
O espectáculo será ás 19.00 horas no auditorio municipal, con entrada aberta e destinada a público familiar con nenos e nenas de todas as idades.



