O Concello de Baiona albergará o final da duodécima etapa da Volta ciclista a España o vindeiro martes 27 de agosto. Baiona terá un gran protagonismo como final da etapa con saída en Ponteareas e chegada a Baiona. A meta estará instalada á beira da rotonda de Alfonso IX. Esta previsto que os ciclistas vaian chegando á liña de meta entre as 16:30h e as 17:30h.
“Baiona terá o orgullo de ser un dos puntos de fin de etapa neste evento deportivo tan importante, convertendo deste xeito á nosa terra en escenario e epicentro do ciclismo. O ciclismo combina á perfección a práctica do deporte e o goce da natureza, por iso non só as persoas afeccionadas á bicicleta van ter a ocasión de vibrar coa emoción deste deporte senón que tamén será unha oportunidade única para que os participantes, a organización e as persoas que nos acompañen poidan contemplar unha impoñente paisaxe que ofrece a nosa vila mariñeira, cunhas vistas espectaculares e únicas, a desembocadura del Río Miñor, a baía de Baiona, rodeado da península de Monterreal, todo iso bañado pola inmensidade das augas do Océano Atlántico, a silueta da Virxe da Roca…”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.
O rexedor sinala que “Os baioneses nos sentimos orgullosos e entusiasmados de acoller aos mellores equipos e ciclistas no panorama nacional, e como alcalde, é unha enorme satisfacción que a miña vila forme parte desta festa deportiva. Non hai mellor campaña para a promoción turística de Baiona que acoller un dos finais de etapa da volta ciclista. Millóns de telespectadores observarán en horario de máxima audiencia imaxes do noso municipio. Unha das mellores cartas de presentación da localidade ao mundo. Damos grazas á Deputación de Pontevedra por pensar en Baiona para que fose meta deste fin de etapa”.
Sábese que o impacto da imaxe da vila é tan incalculable como impagable se fose unha campaña publicitaria. Unha gran oportunidade para dar a coñecer a través da televisión a beleza de Baiona a máis de 180 países do planeta e captar visitantes que veña a coñecer en primeira persoa o que lles chegou a través dos seus televisores. A isto hai que engadir a repercusión económica que supoñerá o desprazamento de toda a organización e os equipos participantes que supoñen un consumo de moitas persoas na vila.
O municipio de Baiona xa acolleu con anterioridade en dúas ocasións un fin de etapa da volta ciclista a España: No ano 2013 o miradoiro do Cortelliño, foi o lugar elixido para poñer fin a unha dura subida dos ciclistas, un emprazamento privilexiado que deu a descubrir unha zona medio ambiental impresionante ao mundo, un balcón no que se ensinou as Rías Baixas a millóns de televidentes. No ano 2016, o punto elixido como fin de etapa foi en pleno centro de Real Villa tendo como fondo a fortaleza de Monterreal e a baía de Baiona, unha escena que se volverá a repetir este ano.

