O Concello de Baiona convida a todos os veciños e visitantes a participar no acto conmemorativo do 10º aniversario da declaración da Arribada como Festa de Interese Turístico Internacional, que terá lugar o venres 14 de novembro ás 19:00 h na Capitanía Marítima.
Este encontro contará cunha mesa redonda participada por institucións públicas de Baiona, Turismo Rías Baixas, persoal funcionario, asociacións, empresarios e veciños, que foron parte activa no desenvolvemento e consolidación desta festa desde os seus inicios ata hoxe, e que seguirán traballando para garantir o seu futuro.
A Festa da Arribada non é só unha celebración: é o reflexo da nosa historia, o recordo daquela carabela que chegou ás nosas costas anunciando ao mundo un novo tempo, e que marcou tamén o inicio do desenvolvemento da vila de Baiona.
Hoxe, esa mesma chegada simboliza o punto de partida da tempada turística, converténdose nun motor esencial para a economía local e nun elemento de orgullo e identidade colectiva.
Desde o Concello de Baiona consideramos que a Arribada é moito máis que unha festa: é parte do noso patrimonio, un símbolo do noso pasado e unha aposta decidida polo futuro da nosa vila, pola súa proxección turística, cultural e social polo que animamos a achegarse e compartir connosco este momento especial de recordo, reflexión e orgullo baionés.



