HomeVigoBaionaBaiona inicia a rexeneración da Foz do Miñor para reforzar o seu...

Baiona inicia a rexeneración da Foz do Miñor para reforzar o seu valor natural e a mobilidade local

- Anuncio -spot_img

O obxectivo é recuperar este enclave, transformándoo nun espazo máis accesible, ordenado e respectuoso co medio ambiente.

O Concello de Baiona deu comezo ás obras de mellora e rexeneración da contorna da Foz do Miñor, no ámbito próximo á ponte románica da Ramallosa, un dos espazos máis representativos do municipio pola súa riqueza paisaxística, ambiental e patrimonial.

A actuación, promovida en colaboración co GDR 14 Galicia Suroeste Eu Rural e financiada con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation EU), conta cun investimento total de 65.898,64 euros. Este proxecto enmárcase na estratexia de sustentabilidade turística do destino, orientada a mellorar os espazos públicos e preservar a contorna natural.

A intervención permitirá mellorar a integración da contorna do estuario, reforzar o seu carácter natural e incorporar solucións máis adaptadas ás condicións dunha zona costeira sensible.

Neste sentido, a actuación incorpora melloras clave desde o punto de vista ambiental, como a optimización da drenaxe e a evacuación de augas —especialmente relevante nunha zona potencialmente inundable—, o uso de materiais máis sostibles e integrados na paisaxe que favorecen a permeabilidade do chan, así como a instalación de sistemas de sinalización e aviso ante episodios de inundación, reforzando a seguridade da contorna.

Esta actuación responde a unha necesidade crave para o día a día da cidadanía. Trátase dun punto de paso habitual entre Baiona e Nigrán, utilizado diariamente por veciños e visitantes para os seus desprazamentos, paseos ou actividades cotiás.

A mellora deste espazo permitirá reforzar a seguridade, a accesibilidade e a continuidade dos itinerarios peonís, favorecendo unha mobilidade máis cómoda e ordenada para a poboación local.

Tamén se actuará sobre a mobilidade e a seguridade, favorecendo o tránsito peonil e mellorando a conexión co paseo marítimo e outros percorridos estratéxicos. Este ámbito forma tamén parte do Camino de Santiago Portugués pola Costa, o que incrementa o seu valor como espazo de acollida para peregrinos e visitantes, integrando así o uso turístico co uso veciñal.

A Foz do Miñor, incluída na Rede Natura 2000, constitúe un dos espazos naturais máis salientables da contorna, onde conflúen biodiversidade, paisaxe e uso social. Con esta actuación, Baiona reforza a súa aposta por un modelo equilibrado, no que a protección do medio ambiente, a calidade de vida da cidadanía e a experiencia do visitante avanzan da man.

Esta intervención súmase a outras iniciativas impulsadas polo Concello para consolidar Baiona como un destino de excelencia turística e de economía azul durante todo o ano, sen perder de vista que o coidado da contorna e a mellora dos espazos públicos son, ante todo, un investimento directo no benestar dos seus veciños e visitantes.

Publicacións Relacionadas