● O municipio é o primeiro da provincia de Pontevedra convidado pola Casa de Galicia para promocionarse como destino turístico
● O alcalde, Roberto Carrero, participará nos actos oficiais dunha cita que reforza a proxección exterior da vila, poñendo en valor a súa identidade e riqueza cultural
O Concello da Guarda é este ano o municipio galego convidado na caseta da Casa de Galicia en Sevilla, o Lar Gallego, durante a emblemática Feira de Abril. Isto supón un recoñecemento ao potencial turístico e cultural da vila mariñeira, que se consolida cada ano como destino preferente en Galicia, e marca un fito ao ser o primeiro concello da provincia de Pontevedra en participar nesta iniciativa.
A invitación, realizada pola Casa de Galicia de Sevilla, forma parte dun proxecto que, ano tras ano, dá visibilidade a unha vila galega diferente no corazón da feira sevillana. Esta participación levarase a cabo grazas tamén a intermediación de Marta Pou Álvarez, a quen o alcalde lle agradece “pensar na Guarda para este gran evento supón unha oportunidade única, e, en gran parte será posible grazas a Marta”.
A participación da Guarda inclúe unha ampla campaña de promoción turística, deseñada con coidado e ilusión, mantendo a liña estética e estratéxica da recente presenza do concello en FITUR. A caseta estará ambientada con fotografías de gran e pequeno formato que amosan a beleza natural, o patrimonio, a gastronomía e a riqueza cultural da vila.
Esta cita é unha oportunidade única para amosar A Guarda máis alá do seu coñecido Castro de Santa Trega, incluíndo eventos como o Mar de Blues, o Galifornia Beat, o Color Rain Festival, as actividades deportivas ou a oferta cultural e natural que ofrecen espazos como o Museo do Mar, o porto, as praias, a fortaleza de Santa Cruz ou as históricas cetáreas.
O alcalde, Roberto Carrero, viaxará a Sevilla para participar nos actos oficiais e representar ao concello na inauguración da feira, do próximo luns 5 de maio, coincidindo coa tradicional “Cena del Pescaíto”.
“É un orgullo inmenso representar á nosa terra nun evento internacional como a Feira de Abril de Sevilla. A Guarda é hoxe un destino turístico en crecemento, con identidade propia e cun patrimonio único, un pobo acolledor. Esta invitación é tamén un recoñecemento ao traballo de promoción que se leva facendo desde o departamento de Turismo do Concello nos últimos anos”, declara o alcalde, quen destaca que esta acción permite “achegar un anaco da nosa vila a miles de persoas nun ambiente festivo e cheo de vida”.
A participación da Guarda nesta cita é unha nova mostra do compromiso goberno local por continuar promovendo a vila nos principais eventos turísticos nacionais e seguir fortalecendo a súa proxección exterior.