HomePontevedraBaixo MiñoO Concello saca a licitación o espazo gastronómico do Mercado do Rosal

O Concello saca a licitación o espazo gastronómico do Mercado do Rosal

- Anuncio -spot_img

Con esta zona busca reforzar o dinamismo social da praza, xerando un novo punto de encontro para a veciñanza

As persoas interesadas poderán visitar o espazo o mércores 21 ás 11.00 h. O prazo para presentar as solicitudes remata o xoves 29 de maio ás 14.00 h

O Rosal prepárase para reabrir o espazo gastronómico do mercado municipal, un lugar de degustación e de encontro social onde rosaleiros e rosaleiras poidan desfrutar do tempo de lecer. O Concello ven de sacar a licitación este espazo, que incluirá cociña, barra e zonas de consumo e actividades e que busca converterse nun lugar no que poñer en valor os produtos locais e de km0.

Este espazo, de case 200 metros cadrados será un bar gastronómico con servizo de consumo no local ou para levar, cunha clara aposta pola proximidade,  pola calidade e pola sustentabilidade. “Con este espazo queremos sumar o dinamismo social de lecer familiar que vivimos na nosa Praza do Calvario, aumentando a súa calidade cun novo servizo que xere máis oferta relacionada coa calidade do produto e favoreza a convivencia cun mercado máis moderno, vivo e integrado na vida da veciñanza”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo é facer do mercado un espazo máis funcional e atractivo, tamén para as novas xeracións, con hábitos de consumo máis ligados á experiencia gastronómica e ao lecer. Neste sentido, para a adxudicación o Concello valorará especialmente aquelas propostas que inclúan criterios como a orixinalidade do servizo que se poña en marcha ou criterios de sostibilidade, como empregar no servizo de comida para levar embalaxes e utensilios reutilizables, biodegradables e sostibles. Por outra banda, tamén se terá en conta especialmente que a persoa licitadora poña en marcha actividades, como obradoiros para a elaboración in situ de produtos propios (conservas, panadería, pastelaría…); obradoiros de cociña, charlas, presentacións, exposicións, catas ou maridaxes; que teña a disposición da clientela o pago con tarxeta ou que estea dada de alta no servizo de arbitraxe de consumo.

As persoas interesadas poderán coñecer de primeira man o espazo no transcurso dunha xornada de portas abertas o mércores 21 de maio ás 11.00 h. O prazo para presentar propostas rematará o vindeiro 29 de maio ás 14.00 h e poderán presentarse tanto no rexistro do Concello, de forma presencial ou empregando a sede electrónica, ou ben a través da plataforma de contratación do Estado.

Publicacións Relacionadas