O Concello realizou durante o verán traballos de mantemento e mellora nos colexios para garantir unhas instalacións máis cómodas, seguras e adaptadas ás necesidades do alumnado
O curso comezou no Rosal con novos aires e espazos renovados. Durante o verán, e para non interferir na actividade lectiva, o Concello puxo a punto os diferentes centros educativos do municipio cun amplo programa de mantemento e mellora. O obxectivo: que rapaces e rapazas desfruten dunhas instalacións seguras, accesibles e en mellores condicións durante todo o curso escolar.
Nas últimas semanas, o Concello levou a cabo traballos como desbroces, revisións eléctricas, limpeza xeral e reparacións estruturais, ademais de actuacións específicas en cada un dos centros. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “para nós é unha prioridade que os nosos nenos e nenas poidan aprender en espazos coidados e dignos. Cada verán facemos un esforzo importante para poñer a punto os colexios, traballos que non só melloran o día a día do alumnado senón que tamén contribúen a dar tranquilidade ás familias e ao profesorado”.
Pola súa parte, o concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo, destacou a importancia de manter este compromiso ano tras ano: “Son actuacións ás veces pequenas, outras máis complexas, pero todas teñen un impacto directo na calidade das instalacións e no benestar dos rapaces e rapazas. O inicio do curso non sería o mesmo sen este traballo previo de mantemento”.
Entre as actuacións que se levaron a cabo, no CPI Manuel Suárez Marquier habilitáronse novas ramplas de acceso aos patios, creouse un aparcadoiro adaptado, mellorouse o perímetro con novas redes, podáronse as árbores danadas e pintouse a biblioteca, entre outras accións. Tamén se avanzou nas melloras no comedor do CRA María Zambrano, como a instalación de novos casilleiros, a colocación de máis percheiros ou a renovación e adaptación de baños.
O Concello levou a cabo tamén diferentes melloras nas unitarias do CRA, adaptando as instalacións ás necesidades do alumnado. Así, en Couso, arranxou enchufes e fechaduras dos portais exteriores, desatascou canalóns, recheou o areeiro ou realizou arranxos no baño da aula pegada á vivenda e en Pías revisou e preparou os estores, arranxou fechaduras e revisou as instalacións de calefacción.
Pola súa banda, en Fornelos o Concello mellorou baños e calefacción, instalou novos zapateiros para o alumnado e pintouse o despacho da unitaria de infantil e colocouse tamén cortiza na parede da zona da biblioteca na aula de primaria para usalo como lugar para cravar chinchetas e colgar material. Nas aulas de Novás repasouse a pintura, cambiouse o chan ou se instalou un zapateiro novo para o alumnado de primaria e un novo moble para mochilas e zapatillas para o de infantil. Ademais, durante estas semanas desbrozáronse todas as marquesinas para que estiveran a punto para o inicio do curso.