HomePontevedraBaixo MiñoO Trail Adventure Muíños do Folón volve bater récord de participación cun...

O Trail Adventure Muíños do Folón volve bater récord de participación cun percorrido inédito

- Anuncio -spot_img

Máis de 600 deportistas de 12 provincias de España e do norte de Portugal desafiarán os montes do Rosal este 23 de febreiro nunha das probas máis esperadas do ano

A carreira consolídase como un evento de referencia que cada edición atrae a máis persoas interesadas nun turismo deportivo, na natureza e no patrimonio

O Rosal prepárase para vivir unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón, unha proba que non só desafía a resistencia das e dos corredores, senón que mergulla a todas e todos os participantes nunha contorna natural de espectacular beleza. Este domingo 23 de febreiro máis de 600 deportistas chegados de 12 provincias de España e do norte de Portugal disputarán esta esixente carreira de montaña. Como novidade, nesta oitava edición, o percorrido incluirá un tramo inédito polo miradoiro do Niño do Corvo, un enclave cunha impresionante panorámica da comarca.

Unha combinación de esforzo, natureza e solidariedade, coa que O Rosal reafírmase como un referente do trail running en Galicia. A carreira comezará ás 10.00 horas coa saída dende a Praza do Calvario da proba longa, a Advance, de 21 km e 1.000 metros de desnivel polos montes do Rosal. Un pouco máis tarde, ás 10.45 horas sairá dende o mesmo punto a versión Adventure, de 12 quilómetros e 500 metros de desnivel.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia “dunha proba xa consolidada coa que cada ano poñemos en valor a natureza e o patrimonio ligados ao turismo deportivo. Esta proba polos muíños do Folón non só pon en valor estas xoias patrimoniais, senón que reflicten tamén o noso compromiso cunha actividade sostible que favoreza a calidade de vida e que potencie o noso paisaxismo”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou “o rotundo éxito desta carreira, que cada ano supera o seu teito de persoas inscritas e bate récords de participación. Aos seus inicios a proba contaba con apenas 300 corredores e corredoras, e hoxe, na súa oitava edición, duplicamos esa cifra. Iso demostra a paixón crecente polo trail e pola nosa contorna natural e a grande importancia desta proba na práctica do deporte ligado á montaña”.

Alcaldesa e concelleiro participaron no acto de presentación do trail, no que estiveron acompañados polo director técnico da proba, así como por representantes da Comunidade de Montes do Rosal, dos voluntarios e voluntarias que cada ano participan na celebración da proba e da Asociación Española Contra o Cancro. E é que, como cada ano, o Trail Adventure Muíños do Folón amosará a súa cara máis solidaria recadando fondos a favor da AECC a través da venda de merchandising nun stand aberto ao público durante a celebración da carreira.

Dende o Concello quere agradecerse unha vez máis a colaboración da Comunidade de Montes do Rosal, de Protección Civil e aos veciños e veciñas e afeccionados e afeccionadas ao sendeirismo que forman parte do grupo de voluntariado activo que percorren os montes para crear novas rutas e que cada ano o trail sexa diferente e un pouco mellor.

Publicacións Relacionadas