O Concello de Oia informa de que, debido as previsións meteorolóxicas, a tradicional Cabalgata de Reis adiántase ao día 4 de xaneiro, cando as súas maxestades de oriente chegarán ao municipio para visitar todas as parroquias e saudar á rapazada.
Se ben o percorrido estaba previsto para o domingo 5, finalmente Melchor, Gaspar e Baltasar e a súa comitiva adiantarán a súa visita ao sábado 4 de xaneiro. Durante a xornada percorrerán distintos puntos de Oia deténdose a saudar aos nenos e nenas que queiran achegarse a algunha das paradas programadas.
O percorrido e horarios non cambian respecto dos inicialmente previstos, sendo os seguintes: 11.00 A Portela, 11.30h Mavia-Santa Comba, 12.00 Acevedo, 12.30 Praza de Loureza, 13.00h Praza de Burgueira, 13.30h Praza de Torroña, 15.00h Centro Cultural de Viladesuso, 15.30h Centro Cultural de Pedornes e 16.15h Baixada ao Mosteiro, punto no que a comitiva real estará acompañada pola rondalla de Mougás. A continuación, haberá canto de panxoliñas na igrexa parroquial de Santa María de Oia e tamén se realizará a entrega de premios das postais da catequese.
Posteriormente, ás 17.15h os reis magos chegarán ao CEIP Mestre Manuel García onde haberá agasallos, chocolatada e animación infantil. O fin de festa, como vén sendo tradicional, será no Centro Cultural de Mougás a partir das 19.00 horas.