O cabeza de lista mantivo hoxe un encontro con representantes comarcais do Bloque, aos que dixo que “ter un resultado histórico está ao alcance da man”
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra Luís Bará asegurou hoxe que o vindeiro 18F “hai partido” e chamou á formación nacionalista “a saír a por todas e pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza co Bloque á fronte da Xunta de Galiza”.
O nacionalista así o asegurou na tarde de hoxe nun encontro de traballo para programar a campaña electoral con representantes comarcais do Bloque na comarca (A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Soutomaior e Valga, ademais de integrantes de Galiza Nova). Destacou que será unha campaña ilusionante, mobilizadora, con máis actos e reunións ca nunca percorrendo a provincia e subliñou que contará coa implicación de toda a organización “casa por casa e porta a porta” para conseguir “un resultado histórico”.
Bará destacou que desbancar ao PP da Xunta é posible porque hai unha maioría social que quere cambio, máis do 60% da poboación. Apuntou en que hai “unha grande oportunidade” porque “o BNG está co vento a favor porque medra, integra e chega a acordos, e o PP que vai a menos cun candidato gris e mediocre que non ilusiona, e porque a xente ve que hai desgoberno na sanidade, ensino, transporte, infraestruturas…”, asegurou.
Para o cabeza de lista as do 18F non son unhas eleccións calquera, senón “unha cita coa historia”, polo que é fundamental pelexar cada voto das persoas que quere cambio, “buscalos debaixo das pedras e concentralos no BNG”, xa que o vindeiro goberno da Xunta ao seu entender vaise decidir por moi poucos votos. Lembrou, de feito, que nas eleccións galegas do 2020 o PP conseguiu o último deputado en tres provincias, na de Pontevedra por concreto, só por 96 votos.
“Pensade o importante que é o que fagamos cada un de nós. Hai un gran ambiente, non hai que ser conformistas, hai saír a por todas. Dende aquí ata alá hai pelexar cada voto porque estamos en condicións de gañar cada voto ao PP”, subliñou, para engadir que a decisión da poboación estará entre votar a unha Ana Pontón ilusionante que promete mellorar Galiza ou un Alfonso Rueda cun proxecto rutineiro e esgotado que deixa un legado desastroso para o país.
Como arranque de precampaña Luís Bará fará mañá unha xira na que percorrerá máis de 300 quilómetros en apenas doce horas para visitar todas as comarcas da provincia, facendo paradas en Lalín, A Estrada, Pontecesures, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vilaboa, Vigo, Tomiño e Mondariz Balneario co fin de expoñer propostas do Bloque en diferentes áreas.

