Faladoiros, un Club de Lectura ou clases a domicilio de mantemento figuran entre as novidades dun programa que aspira a bater o número de inscritos e inscritas da tempada anterior (máis de 300)
O alcalde, Jacobo Pérez, e a edil responsable do departamento, Carmen Torres, inciden en que estes obradoiros e sesións buscan mellorar a calidade de vida deste sector da poboación
A Concellería de Benestar Social vén de abrir o prazo de inscrición para anotarse nas preto de 20 actividades que forman parte da programación que o departamento municipal ofrecerá neste curso 2025-2026 a pensionistas e persoas maiores. Unha ampla variedade de propostas encamiñadas a “mellorar a calidade deste sector da veciñanza e nas que se pon o foco no mantemento da memoria, os hábitos saudables e a confraternización e socialización”, tal e como apuntan o alcalde, Jacobo Pérez, e a concelleira responsable da área, Carmen Torres.
De cara a esta nova temporada incorpóranse varias novidades. Unha delas será a Memoria Viaxeira, un obradoiro de estimulación cognitiva que se ofrece ás persoas que non poidan asistir de xeito presencial ás clases no Fogar do Maior.
As sesións serán realizadas nas súas vivendas, baixo a supervisión dun profesional. Neste curso tamén se estrea o Club de Lectura, en colaboración coas bibliotecas municipais. Haberá unha sesión mensual, o primeiro venres de cada mes, cun número mínimo de sete persoas. Outra actividade novidosa é Caldas Maior Creativa, integrada por diferentes obradoiros de costura, bricolaxe, elaboración de xabóns artesanais, coiro, artes florais, risoterapia e musicoterapia. Haberá un grupo mínimo de 8 persoas, os luns de 16.00 a 18.00 horas no Fogar do Maior.
Entre as novas actividades tamén figuran faladoiros en horario de tarde, os venres, e Lecer no Fogar, que se desenvolverá no Fogar do Maior durante as fins de semana. Ofreceranse propostas como xogos de mesa, bingo, ligas de brisca, pasatempos ou lectura de xornais. Ademais, a Concellería de Benestar Social confirma que se manterán na programación iniciativas que se estrearon na pasada edición e que foron un éxito de participación, como os talleres de Memoria e Psicomotricidade ou o Ciclo de Andainas. O programa complétase con outras propostas xa plenamente consolidadas, como a natación terapéutica, os obradoiros de alfabetización de uso de novas tecnoloxías, pilates, ximnasia abdominal hipopresiva, escola de espalda, estimulación cognitiva, bingo semanal, Liga de Brisca, expresión artística, técnicas artesanais, ximnasia de mantemento e ximnasia de mantemento. En total, ofértanse máis de 500 prazas, sen contar as iniciativas que non contan con límite de inscricións.
As anotacións poden realizarse no Fogar do Maior, no departamento de Servizos Sociais ou no Rexistro Xeral do Concello. O alcalde salienta o elevado ritmo de inscricións que se está a rexistrar desde a apertura do prazo, o que invita a pensar que se superará o número de participantes do curso anterior, que estivo por riba dos 300. Nestas actividades toman parte veciños e veciñas de diferentes idades, desde pensionistas menores de 60 ata maiores de 90. Jacobo Pérez incide en que este reforzo da programación “é unha mostra da nosa clara aposta por favorecer unha vida saudable e o máis cómoda posible aos nosos maiores”, dando continuidade a outros proxectos como a construción do novo Fogar do Maior, que será inaugurado oficialmente en breve, ou o Parque do Maior.



