Bibliofogar achega a biblioteca aos barrios da parroquia de Soutomaior dende outubro ata maio do 2025

adminON
Lectura mínima de 3

Bibliofogar é un servizo de extensión bibliotecaria que presta a biblioteca municipal de xeito gratuíto. Dende outubro deste 2024 ata maio do 2025 este servizo achegará literatura nos barrios de Comboa, Val-Sobral, Aranza e Moreira.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, a bibliotecaria da Biblioteca Municipal Luís Seoane, Patricia R. Saavedra e a coordinadora de Bibliofogar presentaron esta mañá este servizo e a súa posta en marcha dende a vindeira semana e se prolongará ata maio do 2025.
Bibliofogar é un servizo de extensión bibliotecaria que presta a biblioteca municipal “Luís Seoane” de Soutomaior. O obxectivo é achegar a lectura a todas as persoas censadas no concello e facilitar o acceso aos recursos da biblioteca reducindo as barreiras físicas e de mobilidade, xa sexan por idade, por impedimento físico ou por mala comunicación e falta de medios para desprazarse.
O servizo préstase cunha furgoneta equipada con ordenador, acceso a Internet, mobiliario e material da biblioteca. Por un lado, faise o desprazamento aos domicilios das persoas que teñan algunha barreira física ou xeográfica que lles dificulte acudir á biblioteca de xeito presencial; e, por outro lado, tamén se fai o desprazamento a centros de maiores e locais veciñais, onde son varias as persoas que se benefician a un tempo deste proxecto de achegamento da cultura.
Tal e como dixo nesta xornada a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, “o servizo de Bibliofogar duplicou o número de libros prestados no ano 2023 con respecto a 2022, pero queremos seguir ampliando o medio centenar de persoas usuarias e levalo a máis barrios do concello, unha ampliación que ratifica o compromiso de Soutomaior cos barrios da parroquia”.
De tal xeito o servizo de Bibliofogar chegará ao barrio de Moreira ( a antiga escola) o primeiro martes de cada mes, a Comboa (escola dos Moureiros) o segundo martes de cada mes, a Aranza ( escola de Aranza) o terceiro martes de cada mes e os últimos martes de cada mes ao Val-Sobral (Casa do Pobo).

Bibliofogar é un servizo totalmente gratuíto que permite levar e recoller material bibliográfico (libros, revistas, audiovisuais). Pero non é só un servizo de reparto senón, tamén, de apoio e acompañamento que evita o illamento e a soidade. Foi premiado co Premio á Innovación Bibliotecaria da Xunta de Galicia e co Premio María Moliner do Ministerio de Cultura no ano 2022.

Comparte este artigo