Rego denuncia o “dispendio obsceno” que representa o evento e exixe cancelar os actos militares: “falan de paz mentres se promoven exhibicións de armamento”
O BNG defende destinar os recursos a servizos públicos e reclama a finda da presenza do Estado español na OTAN, así como renunciar ao aumento do gasto militar
O Bloque Nacionalista Galego rexeita con contundencia os actos do Día das Forzas Armadas previstos na cidade de Vigo entre 26 e 30 de maio e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acusa o Goberno do Estado de promover propaganda militarista mentres a maioría social sofre as consecuencias da crise. Exixe, en consecuencia, cancelar os actos e destinar eses recursos a desenvolver políticas públicas de carácter social, reforzando os servizos públicos.
Segundo as informacións fornecidas, tanto polos anuncios do Goberno como as recollidas polos medios de comunicación, o evento implicará o despregamento de 3.266 efectivos militares, así como exhibicións de armamento, material bélico, buques de guerra, cazas e tanques. Para o deputado nacionalista, Néstor Rego, “non estamos ante un acto institucional, senón ante unha demostración de forza que ten por obxectivo normalizar o militarismo e xustificar o aumento do gasto militar”.
Rego, especialmente duro, denuncia que “mentres millares de familias non chegan a fin de mes e padecen o encarecemento brutal da vida, o Goberno decide gastar millóns de euros en desfiles e exhibicións de armamento” o que, ao seu xuízo, “é un dispendio obsceno”.
O deputado nacionalista acusa o executivo estatal de “hipocrisía” ao asegurar que “non se pode falar de paz e, ao mesmo tempo, promover actos que glorifican a guerra e o poderío militar”. Neste sentido, Rego advirte que “o actual contexto internacional, marcado pola escalada bélica, fai aínda máis grave esta decisión”.
Renunciar a levar a cabo as xornadas e destinar os recursos a servizos públicos
Ante esta situación, o deputado do BNG no Congreso exixe ao Goberno -nun exercicio de total transparencia- facer públicos o custo real do evento incluíndo todos os gastos asociados, cancelar de inmediato os actos previstos en Vigo e investir eses fondos en reforzar as políticas no relativo aos servizos públicos, á protección das clases populares e ao apoio aos sectores produtivos.
Néstor Rego lembra a posición contraria do BNG á pertenza do Estado español na OTAN e reclama ao Goberno do Estado “abandonar a súa subordinación ás estratexias militares, poñendo fin á presenza militar norteamericana no territorio do Estado e saír da alianza”.
“A paz constrúese con respecto e diplomacia”
Por último, a organización nacionalista insiste en que “a paz non se constrúe con tanques nin con desfiles militares, senón con xustiza social, cooperación entre os pobos e o respecto pola soberanía e os Dereitos Humanos”. Ante esta situación e ante as decisións que está levando a cabo o executivo, Rego reclama un xiro radical na política exterior afastándose da lóxica belicista e apostando de maneira clara pola diplomacia e a soberanía dos pobos.
“Cada euro destinado a armamento é un euro que se lle nega á sanidade, á educación e ao benestar da cidadanía. Esta é a verdadeira elección política que está en xogo” sentenza o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

