Xoán Reices, cualifica de “delirante e insultante” a resposta do Goberno español, que evita concretar prazos para a reforma integral aprobada no Congreso hai dous anos
O BNG da Estrada quere facer pública a súa indignación ante a nula vontade política do Ministerio de Transportes e Mobilidade (PSOE) para dar solución aos graves problemas de seguridade viaria e mantemento que padece a N-640 ao seu paso polo noso concello.
Tras unha batería de preguntas parlamentarias presentadas polo BNG para fiscalizar o cumprimento dos acordos acadados no Congreso dos Deputados, a resposta do Ministerio foi cualificada polo portavoz municipal nacionalista, Xoán Reices, como “unha fuxida cara adiante e unha falta de respecto institucional aos veciños e veciñas da Estrada”.
Unha resposta que non contesta a nada
O Ministerio de Transportes, lonxe de explicar por que non se executou o Plan de Reforma Integral da N-640 (contemplado na PNL aprobada pola Comisión de Seguridade Viaria en marzo de 2024), limitouse a responder con vaguidades sobre proxectos noutros concellos, como a variante de Caldas de Reis, e a escudarse na meteoroloxía para xustificar o lamentable estado do firme.
“É surrealista que preguntemos pola travesía urbana da Estrada e pola Variante e nos respondan coas alegacións de Caldas. O Goberno do PSOE de Pedro Sánchez ri da Estrada”, denuncia Reices.
Abandono e perigo na travesía urbana
O BNG esixe medidas urxentes e concretas. O estado da estrada, especialmente tras os períodos de choiva, é insostible, con fochancas e un firme degradado que pon en risco a seguridade de condutores e peóns. Para o BNG, as preguntas ignoradas polo Ministerio son claves:
- Humanización: Cando se van adaptar os tramos urbanos para que deixen de ser autoestradas que dividen a vila?
- Seguridade: Onde están as medidas de calmado de tráfico comprometidas?
- A Variante: En que caixón esqueceu o PSOE o proxecto da Variante da Estrada mentres o centro da vila colapsa por centos de vehículos pesados e lixeiros?
Dous anos de parálise
Desde que en marzo de 2024 se aprobara a reforma integral da vía, o Ministerio nada fixo. “Tivemos un compromiso no Congreso que hoxe é papel mollado”, sinala o voceiro nacionalista. “Non nos vale que digan que actuarán ‘cando o tempo o permita’. A Estrada necesita investimentos reais, non promesas que as leva o vento”.
O BNG da Estrada anuncia que non dará un paso atrás e seguirá mobilizándose e esixindo en todas as institucións que se trate á veciñanza da Estrada como cidadáns de primeira. “A N-640 non pode seguir sendo unha trampa mortal nin un exemplo do esquecemento de Madrid cara a Galiza”, concluíu Xoán Reices.



