No mes de Maio, en plena campaña polas eleccións municipais, o BNG denunciara o estado da marxe lateral dereita da PO-192, ao seu paso polo polígono industrial de Bamio, ocasionando dificultades aos traballadores que alí estacionaban. Ao ser unha vía de titularidade autonómica, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade finalmente procedeu a adxudicar as obras de pavimentación do aparcadoiro de dita marxe dereita da vía autonómica, situada entre os puntos quilométricos 0+440 e o 0+670 á empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L., por preto de 28.000 euros, consistentes no fresado da beiravía existente, preparación, nivelado e asfaltado, xunto á colocación en cota de arquetas e rexistros. A obra tamén contemplaba o remate coa reposición das marcas viarias de bordo da calzada.
O BNG vén de comprobar que, case cinco meses despois, ditas marcas viarias semellan inexistentes, de xeito que os condutores son incapaces de distinguir onde remata a calzada e comeza a marxe de estacionamento, en especial nas horas de escuridade.
Ademais parece constatarse un certo abandono, xa que silvas e outra maleza acabaron por medrar durante o verán a carón da beirarrúa, como nos informa o persoal que traballa no polígono. En consecuencia, instamos á Xunta de Galicia e Concello procedan aos traballos que lle competen a cadansúa administración.