HomePontevedraBNG exixe ao Goberno a retirada inmediata da cruz franquista do Castro...

BNG exixe ao Goberno a retirada inmediata da cruz franquista do Castro en Vigo

- Anuncio -spot_img

Néstor Rego defende a inclusión deste monumento no novo catálogo estatal de vestixios que está a elaborar o Goberno en aplicación da Lei de Memoria Democrática

Xabier P. Igrexas: “Constitúe o maior símbolo da ditadura e o seu mantemento ofende a todas as persoas demócratas desta cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) desenvolve unha acción pública en Vigo para reclamar ao Goberno do Estado a retirada inmediata da Cruz do Castro, un dos principais símbolos glorificadores do franquismo que permanece na cidade. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno a inclusión deste monumento no catálogo que se está a redactar sobre vestixios franquistas que deben ser retirados en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Durante a acción simbólica realizada polo BNG, o deputado nacionalista estivo acompañado polo voceiro municipal, Xabier P. Igrexas, e os deputados no Parlamento de Galiza, Carmela González e Brais Ruanova, así como cargos orgánicos e militantes da formación nacionalista.

Néstor Rego sinala que o Goberno do Estado aprobou en novembro de 2025 un Real Decreto co obxectivo de elaborar e publicar un catálogo oficial de vestixios franquistas que deben ser retirados en aplicación da Lei de Memoria Democrática. O Ministerio de Memoria Democrática, de facto, falaba en torno a máis de 4000 vestixios de exaltación franquista en todo o Estado.

Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a inclusión da Cruz do Castro no novo catálogo estatal “é imprescindíbel e inapelábel”, lembrando que “se trata dun monumento construído pola ditadura para exaltar o golpe de Estado e a represión franquista. Non cabe discusión: é un vestixio franquista que o Goberno debe sinalar e retirar”.

Rego insiste que o BNG exixe ao Goberno do Estado a que actúe “sen máis dilacións”, aproveitando o novo marco normativo para rematar cunha “anomalía democrática que non pode perpetuarse”. Neste sentido, avanza que se rexistrarán iniciativas nas Cortes do Estado para garantir a eliminación da simboloxía franquista e o pleno cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

De por parte, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, subliña que o propio Pleno do Concello de Vigo acordou de forma unánime en febreiro de 2006, cos votos a prol de PP e PSOE, unha moción nacionalista na que se recollía que a cruz dos Caídos do Castro é un símbolo franquista, a pesar do intento de resignificación de 1981.

“Constitúe a día de hoxe o maior símbolo da ditadura e o seu mantemento ofende a todas as persoas demócratas desta cidade” afirma Igrexas, lembrando que este monumento foi inaugurado polo propio Francisco Franco en 1961, na daquela denominada praza da División Azul, en homenaxe dos “Caídos por Dios y por España”.

“Este monumento en homenaxe do fascismo eríxese a moi poucos metros dos mesmos muros do Castro nos que desde 1936 a 1942 foron asasinadas polo franquismo 136 persoas” remarca.

O portavoz municipal do Bloque fixo tamén mención á sentenza xudicial do ano 2014 pola que se recoñecía o carácter franquista da cruz e mandataba a súa retirada. Afea a ese respecto que o Goberno de Abel Caballero decidise recorrer de “forma infame” ese fallo xudicial malia que o mesmo PSOE votara en 2006 a prol de considerala un monumento de exaltación da ditadura franquista.

A fronte nacionalista pon en valor as numerosas iniciativas dos últimos anos para a retirada da cruz franquista do Castro, unha reivindicación compartida polos propios colectivos de memoria histórica e democrática da cidade. Ademais da mencionada moción de 2006, Igrexas salienta que foi o BNG quen impulsou desde o Goberno municipal a retirada da simboloxía fascista de Vigo, como o frontispicio da fachada da Casa das Artes.

Publicacións Relacionadas