HomePontevedraBNG exixe ao Goberno “explicacións e medidas urxentes” ante o bloqueo da...

BNG exixe ao Goberno “explicacións e medidas urxentes” ante o bloqueo da reforma do IEO de Vigo

- Anuncio -spot_img


Carme da Silva demanda ao Ministerio axilizar de inmediato a rehabilitación do edificio principal e a construción da nova planta de cultivo: “Vigo está agardando”

Xabier P. Igrexas sinala este atraso como “unha mostra máis do desinterese do Goberno por infraestruturas estratéxicas para Vigo e para a Galiza”

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para exixir ao Goberno do Estado aclarar a situación das obras de reforma do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), que continúan bloqueadas após anos de anuncios mais sen avances reais materializados. A organización nacionalista reclama axilizar de inmediato a rehabilitación do edificio principal e a construción da nova plan de cultivo.

O Centro Oceanográfico de Vigo, dependente do Ministerio de Ciencia e Universidades, é un dos nove centros do IEO e conta con dous edificios: o principal e un módulo de experiencias biolóxicas destinado ao cultivo de especies. “Trátase dunha infraestrutura científica de referencia internacional polo seu labor investigador en oceanografía e recursos pesqueiros” sinala a senadora nacionalista.

Porén, as instalacións situadas en Cabo Estai, que datan de 1986, presentan un grave deterioro estrutural que leva anos sendo denunciado polo propio persoal do centro. A pesar desta situación, a reforma integral continúa sen materializarse e acumula atrasos inxustificados.

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que “estamos ante un caso evidente de abandono por parte do Goberno, que leva anos encadeando estudos, anuncios e licitacións sen que as obras se inicien realmente”. Neste sentido, lembra que xa en 2023 o Ministerio informou da realización de estudos estruturais, topográficos e xeotécnicos, e en 2024 aseguraba que estaba en proceso de licitación a redacción dos proxectos de rehabilitación e demolición.

“En pleno 2026 seguimos exactamente no mesmo punto: sen obras iniciadas e cunhas instalacións en estado lamentable. É absolutamente inaceptábel” critica Da Silva, quen exixe “explicacións claras sobre as causas deste atraso e, sobre todo, un compromiso firme con prazos concretos”.

A senadora do BNG reclama ao executivo que informe de maneira detallada sobre a situación actual do proxecto, o estado de tramitación de cada unha das actuacións —tanto a rehabilitación do edificio principal como a construción da nova planta de cultivo, que conta con autorización municipal para o seu derrubamento desde outubro de 2025— e as razóns que xustifican a demora.

Así mesmo, a formación nacionalista demanda ao Goberno “asumir dunha vez por todas a súa responsabilidade” e axilizar de forma urxente a execución dunhas obras consideradas imprescindíbeis para garantir condicións dignas de traballo.

“As traballadoras e traballadores non poden seguir desenvolvendo o seu labor científico nun entorno precario e con riscos estruturais. Estamos a falar dun centro con proxección internacional e un altísimo nivel investigador, que merece unhas instalacións acordes á súa importancia” subliña  o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Nesta liña, Igrexas advirte que “este atraso prolongado é unha mostra máis do desinterese do Goberno por infraestruturas estratéxicas para Vigo e para a Galiza” polo que reclama activar de inmediato un calendario realista para a execución e finalización da reforma, lembrando que a derruba da nave de cultivos xa conta con autorización municipal desde outubro do pasado 2025.

“O Goberno debe deixar de dilatar o proceso e poñer en marcha, sen máis demoras, as obras, fixando un calendario claro que permita garantir a modernización do IEO de Vigo e unhas condicións de traballo dignas para o seu persoal investigador” sentenza o voceiro municipal.

Publicacións Relacionadas