Néstor Rego sinala que a transferencia da AP-9 podería levarse a cabo “en dúas semanas se PP e PSOE deixan de bloqueala” e celebra as novas bonificacións para 2025 na AP-9 conseguidas polo BNG
Xabier P. Igrexas pon en valor o traballo realizado polo BNG en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios e os logros conseguidos até o de agora: “seguiremos a traballar e exercendo presión ao Goberno”
O deputado do BNG, Néstor Rego, e o voceiro do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, celebran a rectificación do executivo a respecto de volver ao comprometido e estabelecer o horizonte de 2030 a construción da Saída Sur de Vigo. Neste sentido, exixen ao Goberno partidas específicas no vindeiro proxecto de orzamentos para que esta infraestrutura conte con recursos suficientes para a súa construción. Así mesmo, ademais de pór en valor o traballo do BNG cos compromisos logrados no Acordo de Investidura, os cargos da organización urxen axilizar proxectos como a implantación das cercanías e a modernización e mellora dos servizos ferroviarios actuais.
“A mellora das conexións ferroviarias, singularmente para Vigo, ten sido un dos principais ámbitos de actuación do BNG, tanto no eido municipal como no Parlamento de Galiza e mesmo no Congreso e no Senado como vén de reflectir a moción do BNG aprobada na cámara alta na que se exixía que a saída sur fose unha realidade en 2030” lembra o voceiro municipal do BNG en Vigo. Xabier P. Igrexas destaca a ofensiva continuada da organización nacionalista neste tema: “promovendo a mellora dos servizos de Media Distancia, a mellora para a puntualidade, o aumento das frecuencias e liñas, así como a modernización da rede ferroviaria interna ou a mellora dos servizos convencionais”.
Igrexas exemplifica o traballo do BNG no ámbito ferroviario após a presión exercida para mellorar e modernizar o tren Celta, para a implantación do servizo de proximidade ferroviaria en áreas como a de Vigo. “É incomprensíbel que noutras áreas con menor poboación existan xa estes servizos e a área de Vigo aínda careza deles” lamenta.
O Goberno rectifica coa Saída sur de Vigo, en cumprimento co BNG
O BNG conseguiu colocar na axenda política a saída sur de Vigo e adiantar, en 10 anos, a súa construción a través do Acordo de Investidura. “Hoxe todo o mundo se apunta a este horizonte do ano 2030” celebra Néstor Rego mentres lembra que esta infraestrutura aparece recollida no horizonte de 2040 na rede Ten-T aprobada en Europa coa aquiescencia de PP e PSOE. “O BNG sempre estivo e estará na defensa dos intereses da Galiza” lembra o deputado nacionalista no Congreso e sinala que, cando o Goberno dubidou sobre o cumprimento do acordo, o BNG fixo presión para que rectificase a súa decisión, tal e como se aprobou na moción presentada pola organización no Senado.
“O Goberno español rectifica e acerta sinalando que o seu compromiso é ter esta infraestrutura no horizonte de 2030. Estaremos vixiantes para que se pase das palabras aos feitos” asevera. Neste sentido, Néstor Rego demanda a incorporación de partidas específicas para impulsar a saída sur de Vigo e a súa construción, e facer desta infraestrutura de dobre función: vía de pasaxeiros e de mercadorías.
A mobilidade diaria: impulso do BNG para estes servizos
Paralelamente, a organización nacionalista reclama a modernización da liña convencional para a conexión co sur da Galiza e con Porto. “O tren Celta está nunha situación de absoluta precariedade, en pésimo estado, e ten que existir un acordo con Portugal para modernizar a vía e o material, así como o incremento das frecuencias e que mesmo se empregue tamén como un servizo de proximidade con localidades como Tui” reivindica Rego.
Nesa mobilidade diaria, tamén son chave os servizos de proximidade ferroviaria. “Non deixa de sorprender que esta cuestión non fose incorporada nas axendas dos partidos estatais que durante corenta anos estiveron no Goberno do Estado” afirma Rego. Pola contra, o BNG mantivo o seu compromiso para a implantación das cercanías na Galiza e mesmo, a través do Acordo de Investidura, conseguiu introducir esta cuestión na Axenda e o compromiso de implantalas durante esta lexislatura. “Seguiremos a traballar para que a área de Vigo conte co servizo de cercanías o antes posíbel” avanza Néstor Rego.
As novas bonificacións da AP-9 e a súa aplicación en 2025
Sen renunciar a conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes, Néstor Rego pon en valor o aumento das bonificacións conseguidas polo BNG recollidas no Acordo de Investidura, “mentres teñamos que seguir pagando esta Autoestrada, o que neste momento ocorre grazas ao PP, que prorrogou a concesión por 25 anos, entre 2023 e 2048”. “Resulta incompresíbel que o Goberno estea disposto a gastar en bonificacións preto de 3 000 millóns de euros cando, con certeza, estudos sitúan en cantidades menores o rescate da AP-9 e mesmo foi declarada esa prórroga ilegal pola Unión Europea” recrimina Rego.
En canto non se produza o rescate, o BNG manterá a presión –tal e como lembra coa aprobación dunha Proposición Non de Lei e unha moción no pleno do Congreso- e seguirá a traballar para que se materialicen, canto antes, as novas bonificacións de até 75% para as persoas usuarias da Autoestrada do Atlántico.