O BNG da comarca Tabeiros-Terra de Montes-Deza homenaxeou hoxe a 11 militantes que levan 40 anos de militancia na organización nacionalista. Este homenaxe enmárcase nos actos que o BNG está a realizar por todo o país para conmemorar os 40 anos de existencia e traballo en defensa dos intereses de Galiza, mais tamén dos concellos da nosa comarca.
As e os militantes homenaxeados son Amado López Gutiérrez (Lalín), Xosefina Pereira Rivas (A Estrada), Manuel Anxo Rendo Lema ( A Estrada), María Xosé Vizoso Saborido ( A Estrada), Rafael Iglesias Blanco (Lalín), Amparo Barreiro Carracedo ( A Estrada), Antón Pavón González (Vila de Cruces), Francisco Xabier Barreiro Carracedo (A Estrada), Xosé Luis Castro Blanco (Agolada), Sindo Vilamaior Martínez (A Estrada) e Xoán Carlos Vizoso González (Lalín). Todas elas mantiveron e manteñen militancia activa desde hai 40 anos e foron o xerme do BNG na nosa comarca, impulsando e construíndo a organización desde a nada.
En 1982 estaba todo por facer, sen embargo hoxe o BNG ten representación institucional en todas as localidades da comarca, agás Agolada, e ten centos de militantes que manteñen viva e activo o nacionalismo, alén da propia organización do BNG.
O acto de homenaxe realizouse no MOME da Estrada e contou coa participación de Xoán Reices (candidato á alcaldía). Tamén interveu Lucía Veciño, secretaria da Fundación Galiza Sempre, que presentou o libro “40 anos ao servizo de Galiza, que recolle os momentos máis representativos da historia do BNG desde 1982. No acto tamén interveu Xoán Carlos Vizoso González, de Lalín, un dos históricos que explicou como foron os inicios do BNG na nosa comarca. Finalmente interveu a deputada e membro da Executiva Nacional do BNG, Montse Prado, que explicou o reto ao que se enfronta o BNG nos vindeiros anos, que non é outro que conseguir a presidencia da Xunta e ensanchar a base do nacionalismo galego.



