HomeTabeirósA EstradaBNG presenta por urxencia unha moción para baixar o IVE do gas...

BNG presenta por urxencia unha moción para baixar o IVE do gas butano

- Anuncio -spot_img

Susana Camba: “PSOE e Unidas Podemos están cometendo un grave erro ao excluír da rebaixa do IVE a miles de persoas”

A concelleira do BNG, Susana Camba, anuncia que presentará por urxencia no pleno de mañá xoves unha moción para instar ao goberno español a baixar o IVE da bombona de butano e de propano.

Susana Camba explicou “que non se entende que o goberno que se autoerixe como o máis progresista do mundo deixe fóra da baixada do IVE do 21 ao 5% a este tipo de gas, que na maior parte do rural, mais tamén da vila, é a única alternativa que teñen para facer a comida ou quentar algo a casa”.

A concelleira nacionalista afirma que “PSOE e Unidas Podemos están cometendo un grave erro ao excluír desta rebaixa a miles de persoas, moitas delas colectivos vulnerábeis como pensionistas”. “Hai que ter en conta que o prezo dunha bombona de butano no mercado regulado é de 19,55 €, cando hai só dous anos era de 12,68 €”, explica Susana Camba. “Pero no mercado libre o prezo do butano é aínda máis caro, podendo chegar as 23 ou 26 euros por bombona”, engade.

“No BNG cremos que esta situación é inasumíbel e insoportábel para moita xente, tamén para moitos veciños e veciñas do noso concello, por iso presentaremos por urxencia unha moción para instar ao goberno español a rectificar, porque é de xustiza”, explica a concelleira do BNG.

Publicacións Relacionadas