Xoán Reices: “O proxecto non se axusta á realidade e ten erros que consideramos importante durante a tramitación, o que, provoca a indefensión dos veciños e veciñas para defender os seus intereses”
Como xa avanzara hai poucas semanas, o BNG da Estrada vén de presentar un recurso de alzada contra o parque eólico de Monte Xesteiras. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xoán Reices, “o proxecto non se axusta á realidade e ten erros que consideramos importantes durante a tramitación, o que, provoca a indefensión dos veciños e veciñas para defender os seus intereses, e polo tanto pedimos a anulación do proxecto, tendo que reiniciarse outra tramitación se así o considera a empresa promotora”.
“Por unha parte”, explica Reices, “o proxecto de parque eólico, cousa que xa dixemos, non contempla actuacións sobre o tendido eléctrico, alumeado público e tendido de telecomunicacións; o máis grave é que na fase de alegacións a Xunta contesta que non lle consta afectacións a estas infraestruturas, esgrimindo distintos informes das operadoras dos servizos, informes que non son públicos, mais se pisaran o terreo afectado pola poligonal veríase claramente zonas de ocupación temporal e viais municipais con paus de luz ou teléfono no medio e medio”. “O lóxico”, engade Reices, “é que o proxecto contemple as actuacións previstas pola empresa para evitar que os veciños sufran as consecuencias de cortes de luz e teléfonos durante unhas obras que se poden prolongar até 8 meses”.
“Neste mesmos sentido”, explicou o concelleiro do BNG, “tamén insistimos en que a estrada da EP-8401, que vai de Portela a Souto de Vea, tamén se vai ver afectada por ampliacións e ocupacións de terreos, e non se detallan no proxecto, non hai máis que ver o que pasou estes días na N-640 ao seu paso pola vila, onde reduciron as rotondas e hai previstas ampliacións nas curvas de Castroloureiro para que pasen as estruturas do parque eólico de Campolameiro” “É evidente que vai haber obras nesta estrada de Deputación, e o lóxico é que se contemplen no proxecto para que os veciños puideran alegar”, afirma, “mais a realidade é que a empresa promotora até coloca mal a identificación da estrada, que non figura no catálogo de estradas da Deputación de Pontevedra”.
Outro dos elementos que alega o BNG no recurso de alzada é o incumprimento por parte da Xunta da Lei de Procedemento Administrativo. Segundo explicou Xoán Reices, “non se pode verificar a autenticidade e integridade da documentación do proxecto, como é preceptivo segundo indica lei, o cal, ao noso entender, provocaría a anulabilidade do proxecto ao incorrer en infracción das normas establecidas na lexislación administrativa, sendo en consecuencia ademais anulables todos os actos posteriores realizados no procedemento.”
“Mais o peor de todo”, explicou Reices, “desde que se iniciou a tramitación estamos a ver que a Xunta non está a defender os intereses dos veciños e veciñas, nin sequera o interese público, ponse claramente de parte da empresa promotora, algo que tamén estamos apreciando no concello e por suposto na Deputación de Pontevedra”.

