Castelao mantivo ao longo da súa vida unha fonda relación coa comarca da Estrada a través da súa esposa, Virxinia Pereira Renda, natural deste concello
O pasado 7 de xaneiro de 2025 cumpríronse 75 anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura senlleira da cultura galega, do pensamento político nacionalista e da loita polos dereitos do pobo galego. Castelao foi, ademais de escritor, debuxante, médico e político, un símbolo de dignidade, coherencia e compromiso coa identidade de Galiza e cos valores democráticos.
Castelao mantivo ao longo da súa vida unha fonda relación coa comarca da Estrada a través da súa esposa, Virxinia Pereira Renda, natural deste concello. A familia Castelao-Pereira representa un vínculo de afecto, memoria e legado entre A Estrada e unha das figuras máis relevantes da historia contemporánea de Galiza.
O ideario político de Castelao fundaméntase na defensa inquebrantábel da democracia, na irmandade solidaria entre os pobos do mundo e nun modelo de Estado baseado no republicanismo confederal, onde Galiza puidese exercer plenamente os seus dereitos como nación. O seu compromiso coa xustiza social, a liberdade e a memoria colectiva converteuno nun referente ético e político fundamental para a Galiza contemporánea.
Nun momento histórico no que determinadas forzas políticas e gobernos están a poñer en cuestión eses principios —xa sexa cuestionando a diversidade territorial, relativizando a memoria histórica ou alentando discursos que rachan cos consensos democráticos básicos—, a figura de Castelao adquire unha actualidade e unha vixencia incuestionábeis.
Consideramos que o Concello da Estrada ten a oportunidade —e tamén a responsabilidade— de honrar a súa memoria cun proxecto digno, participativo e con vocación de permanencia, que contribúa a manter viva a súa herdanza política, cultural e humana.
Neste sentido desde o o BNG propoñemos ao pleno os seguintes acordos:
1. Que o Concello da Estrada conmemore o 75º aniversario do falecemento de Castelao mediante a convocatoria dun concurso público e aberto para a realización dun monumento ou escultura conmemorativa da familia Castelao-Pereira, con especial atención á relación entre Castelao, a súa esposa Virxinia Pereira e o seu fillo Alfonso, podendo representarse, por exemplo, sentados nun banco, como símbolo de proximidade, familiaridade e reflexión. Dotando o proxecto do financiamento necesario con fondos propios ou coa colaboración das institución públicas, nomeadamente a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.
2. Que a escultura sexa instalada nun espazo destacado e accesíbel do núcleo urbano da Estrada, contribuíndo á posta en valor da figura de Castelao, ao fomento do turismo cultural e á dignificación da memoria histórica galega.
3. Que o Concello promova a participación cidadá no desenvolvemento do proxecto, implicando a artistas locais. Que no que resta de 2025 ou mesmo prolongando ao 2026, se desenvolva unha programación de divulgación, conmemorativa, que visibilice a figura de Castelao e a súa vinculación coa Estrada, a través de iniciativas a concretar.