Boas prácticas e recomendacións sobre tecnoloxía para acompañar na difícil tarefa de educar

Redacción
Lectura mínima de 4

A XI Semana da Educación de Tomiño arrancou coa charla da pedagoga María Couso nun auditorio de Goián ateigado

Este martes cita ás 19.00 horas co psiquiatra Enric Armengou. Entrada de balde

As pantallas están en todas partes, pero o verdadeiro reto non é apagalas, senón aprender a convivir con elas de xeito responsable e con toda a información na man. Con esta reflexión clara e directa arrancou en Tomiño a XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que volveu encher o auditorio de Goián para falar, sen alarmismos pero con rigor, sobre un dos grandes desafíos educativos actuais: o impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia.

A pedagoga e divulgadora María Couso, creadora do proxecto Play & Fun Learning, foi a encargada de inaugurar o ciclo coa conferencia “Impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia”, na que desmontou mitos moi estendidos e deixou unha mensaxe clara: o problema non son as pantallas como ferramenta, senón cando e como accedemos a elas.

Ao longo da súa intervención, Couso explicou de maneira accesible e amena como funciona o cerebro infantil e adolescente, poñendo o foco no papel da dopamina, o sistema de recompensa e o desenvolvemento incompleto ata ben entrada a idade adulta do lóbulo prefrontal, clave no control dos impulsos. Alertou de que as consecuencias do uso excesivo das pantallas “non son inmediatas, senón que aparecen en cascada a medio e longo prazo”, afectando á atención, ao sono, á linguaxe, á motricidade, á tolerancia á frustración e á saúde mental.

Tamén abordou fenómenos cada vez máis frecuentes como a nomofobia, o FOMO ou a dependencia das redes sociais, especialmente entre a mocidade, e puxo datos enriba da mesa: consumos diarios de varias horas, uso intensivo de videoxogos e redes, e un incremento preocupante dos problemas emocionais, especialmente en nenas e adolescentes. Fronte a isto, Couso presentou un decálogo de boas prácticas e recomendacións claras para acompañar a. familias e educadores na difícil tarefa de educar, apostando por retrasar a introdución das pantallas, evitar o seu uso como “chupete emocional” ou crear zonas libres de tecnoloxía.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia de manter no tempo este espazo de reflexión compartida. “Levar once anos organizando a Semana da Educación non é casualidade, é unha aposta firme por crear espazos de encontro nos que familias, profesorado e veciñanza poidan informarse, reflexionar e tomar decisións máis conscientes”. A rexedora subliñou que “educar hoxe é máis complexo ca nunca, e por iso desde o Concello queremos acompañar ese proceso achegando coñecemento rigoroso e ferramentas útiles”.

A Semana da Educación de Tomiño consolídase así como un referente no ámbito educativo, ofrecendo cada ano conferencias de alto nivel que abordan cuestións reais e actuais relacionadas co benestar emocional e a saúde mental da infancia e da adolescencia. Un espazo para escoitar, aprender e lembrar que educar non é só ensinar contidos, senón tamén axudar a medrar con criterio, equilibrio e humanidade.

A seguinte cita será este martes 10 ás 19.00 h co psiquiatra e asesor do Ministerio de Sanidade Enric Armengou nunha charla clave para rachar co silencio arredor das condutas autolesivas e do suicidio na infancia e na adolescencia. No auditorio de Goián con entrada libre.

Comparte este artigo