HomeO MorrazoBueuBueu homenaxeou a dezasete mulleres cociñeiras da vila que "fixeron posible que...

Bueu homenaxeou a dezasete mulleres cociñeiras da vila que “fixeron posible que sexamos un referente grastronómico”

- Anuncio -spot_img
  • A concelleira Silvia Carballo salientou que “aínda sendo as almas da maior parte das cociñas, as mulleres perduraban agochadas e relegadas a un segundo plano nun mundo de grandes cociñeiros famosos”.
  • O consistorio fíxolles entrega dun agasallo elaborado pola Asociación Juan XXIII a cada unha das homenaxeadas

O Concello de Bueu e a hostalaría da vila organizaron este domingo, 8 de marzo, unha homenaxe ás mulleres cociñeiras bueuesas no marco das ‘IV Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu”, que se celebrou nun salón de plenos ateigado de público e no que se viviu unha gran emoción.

Antes de comezar o acto, as persoas asistentes puideron ver un vídeo con imaxes históricas desas cociñas e cociñeiras que nos anos 70 e 80 foron a alma máter de moitos restaurantes e casas de comidas. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, foi a encargada de abrir a homenaxe cun discurso moi emotivo no que reivindicou que “as mulleres cociñeiras fixeron posible que en Bueu sexamos un referente gastronómico”. A edil explicou que “Bueu non se entendería sen os nosos bares, restaurantes, casas de comidas… que foron fogar, lugar de traballo e sobre todo lugar de reunión para moitas de nós, locais onde se foron forxando moitos dos vínculos que hoxe en día nos unen” e que “aínda sendo as almas da maior parte das cociñas, as mulleres perduraban agochadas e relegadas a un segundo plano nun mundo de grandes cociñeiros famosos”.

Antonio Rosales, hostaleiro de Bueu e un dos promotores da iniciativa, tamén puxo en valor que “hai moita cultura gastronómica na vila e mires para onde mires sempre están as mulleres”. Na mesma liña interveu o historiador Xavier Castro, quen escribiu un libro sobre a historia gastronómica das mulleres galegas e que entregou a cada unha das dezasete homenaxeadas de onte.

No acto foron recoñecidas as cociñeiras dos locais Iglesario, Rincón de Cela, A de Ramón, Casa Benito, Loureiro, Casa Quintela, O Farol, Chouzo, Bar playa, A Centoleira Casa María, Fariña, Reloj, Casa Checho, Casa Acuña, Canas e Lubina.

Dende o consistorio entregóuselles un agasallo a cada unha delas elaborado pola Asociación Juan XXIII que une precisamente o labor da cociña coa reivindicación do Día Internacional das Mulleres.

A homenaxe inseriuse no marco das “IV Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que se desenvolveu en quince locais de hostalaría que homenaxearon a cociña tradicional a través das súas tapas. Os locais hostaleiros que participarán este ano foron A Centoleira, A Cepa, Baiuca, Casa Benito, Casa Quintela, Casa Videira, Esmorga, Noite Tapas, O Farol, O Ratiño Pequeno, Pyramis, Reloj, Tapería Canas, Tiembla Maruxa e Volver.

Publicacións Relacionadas