Cafés en Igualdade para combater tabús e clichés sobre a vellez

adminON
Lectura mínima de 2

Será este xoves 24 de abril da man da sexóloga rosaleira Ana Pérez Cardoso na Nenza Xida, no Calvario. Ás 17.30 h con entrada de balde

Porque envellecer non é desaparecer, os Cafés en Igualdade propoñen unha nova cita coa que combater tabús e clichés sobre esta etapa da vida. Baixo o título ‘A que tivo, retivo. Mulleres, homes e vellez’ a sexóloga rosaleira Ana Pérez Cardoso guiará esta nova charla con entrada de balde e aberta a todos os públicos este xoves 24 de abril ás 17.30 horas no bar cafetería Nenza Xida, no Calvario.

Especialista en educación, xénero e igualdade, Pérez Cardoso conducirá un faladoiro aberto e participativo no que compartir ideas, vivencias e olladas sobre a vellez dende o punto da sexoloxía. “Con charlas como esta dos nosos Cafés en Igualdade queremos abrir un espazo no que todas as persoas, sen importar a súa idade, se sintan representadas e poidan falar de como viven ou pensan a vellez dende todos os ámbitos”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo deste encontro é ofrecer ferramentas e ideas que permitan vivir esa etapa da vida dende unha perspectiva máis propia e amable, entendendo a diversidade como punto de partida e camiño cara á convivencia. A sexóloga rosaleira empregará unha metodoloxía participativa e lúdica, incorporando imaxes, ideas e incluso a proxección dunha curta que servirá como detonante para fomentar a conversa colectiva.

Como destaca a rexedora, “os Cafés en Igualdade están sendo un éxito pola súa capacidade para conectar coa veciñanza, achegar temas que ás veces se evitan e facelo nun ambiente cómodo e respectuoso da man de profesionais”.

Os ‘Cafés en Igualdade’ están organizados polo Concello do Rosal e contan co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.

Comparte este artigo