A vila termal xa sente o movemento deportivo motivado pola proba: hai deportistas adestrando no percorrido oficial, xa acondicionado e balizado polo Concello
Conta atrás para que Caldas de Reis sexa o epicentro do ‘trail running’ no estado. En apenas dúas semanas a vila termal, o vindeiro 15 de marzo, acollerá o Campionato de España Trailrunning na modalidade Short Trail individual e de clubs nas categorías Sub 23, absoluta e masters dentro da proba da ‘Laxe dos Bolos’, que este ano cumpre a súa terceira edición. A presentación oficial celebrouse hoxe no Concello de Caldas, coa presenza dos representantes municipais, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia ademais da Federación Galega e Española de Atletismo.
Polo de agora, coas inscricións aínda abertas ata o 10 de marzo, hai preto de 400 persoas participantes anotadas para as súas diferentes modalidades. A primeira e máis importante será o Campionato de España 2026, que se decidirá nos seus 43 quilómetros e máis de 2.300 metros de desnivel positivo e que, ao ser unha proba aberta, permitirá tamén a participación de calquera persoa.
A segunda modalidade será a do trail 8k (con 122 persoas inscritas), que en pouco máis de oito quilómetros ten case 400 metros de desnivel positivo. Percorrerá as zonas máis emblemáticas da contorna, como os muíños, o túnel e a Fervenza de Segade cun novo treito técnico a carón da mesma, e un final vertixinoso marcado polos dous últimos descensos, que propiciarán unha chegada a meta moi loitada.
A terceira modalidade é a do trail 19k (137 inscritas), con case 20 quilómetros de lonxitude, compartirá trazado en Segade e Santa María co trail curto e case a súa totalidade tamén cos últimos quilómetros do Campionato de España. Con algo máis de 1.050 metros de desnivel positivo polo monte será unha prova “divertida, con moitas sorpresas e xoguetona”, segundo os seus deseñadores. Tamén haberá unha andaina aberta a toda a veciñanza.
Haberá máis de 2.500 premios en metálico para o Campionato 43k, ademais de premios por segmentos, premios especiais e por categorías, acumulables ás vitorias oficiais. Os trofeos entregaranse sobre as 13 horas do propio domingo, cando tamén se realizará unha degustación de produtos típicos de Caldas de Reis.
Na presentación de hoxe, o concelleiro de Deportes Manuel Fariña subliñou que a proba está xa a deixarse notar na actividade e na vida diaria da vila termal, posto que son bastantes as e os deportistas que se teñen instalado e xa están a adestrar nos montes Xiabre e de Santa María. Segundo indicou o nacionalista o Concello ten a punto, desbrozados e acondicionados, os camiños polos que discorrerá o trazado principal, estando nestes momentos realizándose o balizamento oficial que permitirá facer os adestramentos aínda con maior seguridade.
Fariña destacou que “tanto pola súa orografía natural, pola súa capacidade, así como pola aposta polo deporte e vontade de colaboración do Concello” Caldas é un lugar perfecto para acoller probas deste tipo e categoría. O edil indicou que o ‘Trail Laxe dos Bolos’ está a ter unha proxección “vertixinosa”: na primeira edición reuniu centos de participantes, na segunda acolleu o Campionato Galego da modalidade, e neste 2026 deu o salto á competición estatal, atraendo ata Caldas as e os mellores corredores de montaña de todo o territorio español na primeira vez que esta carreira se celebrará na Galiza.
Na presentación desta mañá en Caldas tomaron parte o alcalde Jacobo Pérez, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes Manuel Fariña, o presidente da Federación Galega de Atletismo e representante da Federación Española Iván Sanmartín, a directora territorial da Consellaría de Presidencia da Xunta Blanca García Señoráns, o coordinador de DxT escolar da Xunta Guillermo Reinaldo, así como a directora de Deportes da Deputación de Pontevedra Xisela Aranda.
Por último, o alcalde, Jacobo Pérez, puxo en valor o esforzo que fai o Concello de Caldas de Reis para acoller este tipo de eventos e tamén agradeceu a confianza depositada por parte das federacións e das autoridades correspondentes á hora de apostar pola vila termal. “A capacidade da nosa vila para ser anfitrioa de competicións e probas de calado e primeiro nivel está sobradamente demostrada nos últimos anos e imos continuar nesa liña”, garantiu. Jacobo Pérez lembrou que unha das prioridades na folla de ruta do Goberno local é fomentar iniciativas que axuden a consolidar e mellorar a actividade económica durante todo o ano, algo que se consegue con citas como este Campionato de España de Trail Running. “Entre participantes, técnicos, afeccionados e persoas que acompañan aos deportistas recibiremos nesa fin de semana a centos de visitantes, o que reforza o papel de Caldas de Reis como capital da bisbarra do Umia e protagonista dentro da provincia de Pontevedra”, asegurou, ao tempo que destacou o impacto positivo que terá o evento para a hostalería e o comercio local.



