O certame de beleza, organizado pola Sociedade Canina Galega e o Concello, e a chegada dos ‘Escaravellos’ a Arcos da Condesa, aspiran a espertar unha gran expectación e a atraer a un gran número de visitantes á vila
O municipio caldense acollerá este vindeiro domingo, 14 de setembro, dúas actividades que aspiran a converterse en grandes atractivos de carácter lúdico. A primeira delas é o Concurso Nacional Canino, que terá lugar na explanada da Tafona, e que celebrará a súa terceira edición. Trátase dunha cita que está organizada pola Sociedade Canina Galega, en colaboración co Concello de Caldas de Reis, e que xa en convocatorias posteriores resultou todo un éxito. Neste certame de beleza toman parte un gran número de cans de diferentes razas, provintes de diferentes localidades da Comunidade Autónoma. As primeiras exhibicións darán comezo a partires das 11.00 horas e prolongaranse ao longo de toda a xornada.
Ademais, o propio domingo estréase outra proposta moi atractiva, como é a Concentración Escaravellos polos Pobos, impulsada pola Entidade Local Menor Arcos da Condesa, en colaboración co Escaravello Club de Galicia. Prevese a chegada á parroquia caldense o vindeiro domingo de máis de medio cento de participantes, que lucirán estes vehículos clásicos por todos os lugares da localidade. A chegada está prevista para as 10.30 horas aproximadamente. Será entón cando comece o roteiro por Arcos da Condesa, con paradas nas prazas da parroquia, para que toda a veciñanza poida contemplar estes históricos automóbiles, que marcaron unha época durante o século pasado. Unha vez completado o percorrido, a comitiva voltará á Praza da Entidade Menor, onde terá lugar unha degustación de mexillóns. Os escaravellos permanecerán expostos ata as 18.00 horas. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración de Protección Civil.
O alcalde, Jacobo Pérez, anima á veciñanza a gozar destas propostas, que “a bo seguro atraerán a un gran número de visitantes a Caldas de Reis”. O rexedor puxo en valor o traballo que realizan os colectivos e entidades locais á hora de promover actividades que “axudan a impulsar e dinamizar a nosa vila, algo que é especialmente importante unha vez rematada a tempada estival”.

