Autoridades políticas, persoal municipal e veciñanza en xeral participan na concentración convocada ás portas do Consistorio, que incluíu a lectura do manifesto, a cargo da edil de Igualdade, Rocío Ferro, e o alcalde, Jacobo Pérez, no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
O Concello reafirma o seu compromiso de fortalecer a atención integral ás vítimas, dar continuidade a programas educativos para a prevención e a traballar coa cidadanía “para erradicar calquera forma de violencia contra as mulleres”
Autoridades políticas, encabezadas polo alcalde, Jacobo Pérez; persoal municipal e veciñanza en xeral xuntáronse hoxe ás portas da Casa Consistorial de Caldas de Reis para deixar patente, cunha voz “firme, clara e unida” o seu rexeitamento contra a violencia machista. Este foi un dos actos principais que a Concellería de Igualdade está a desenvolver con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia das Mulleres. Baixo o lema ‘Ningunha idade merece golpes’, a programación inclúe obradoiros e actividades para o tecido educativo, ademais de sesións de teatro e unha campaña publicitaria na que colabora activamente o comercio local.
Esta mañá, a edil da área, Rocío Ferro, e o alcalde foron os encargados de ler o manifesto do 25N, nunha concentración na que tamén participaron integrantes do Club de Lectura da Biblioteca Municipal. Tal e como se lembra no documento, a violencia machista “segue a ser a maior vulneración dos dereitos humanos das mulleres no mundo”, polo que desde Caldas se insta a que “toda a sociedade se implique para non mirar cara outro lado, porque nin unha soa norte máis é tolerable; porque as nosas fillas, amigas e veciñas teñen dereito a vivir libres e sen medo”. A violencia machista, lembrou Ferro, “adopta moitas caras: físicas, psicolóxicas, económicas, sexuais, dixitais… E tamén se agocha en forma de control, de desprezo, de limitacións sutís que se disfrazan de suposta protección, e debemos lembrar que non hai cárcere máis fonda que a que se constrúe co silencio”.
A sociedade caldense ten claro que “a liberdade das mulleres non é negociable, a tolerancia cero non é un slogan, senón unha obriga.
Educar en igualdade non é unha opción, senón a mellor pevención. A igualdade constrúese día a día”. A través deste manifestó, o Concello expresa o seu agradecemento ao labor “de todas as entidades, profesionais e colectivos que día a día acompañan ás vítimas e que traballan en favor da igualdade”. No acto de hoxe tamén se fixo mención aos homes. “Precisamos aliados, homes comprometidos que rexeiten o machismo, que eduquen con respecto e que entendan que igualdade non significa perder privilexios, senón gañar dereitos como sociedade”.
Por todo isto, neste 25N o Concello de Caldas de Reis comprométese a fortalecer os recursos e a atención integral ás vítimas, a dar continuidade aos programas educativos para a prevención desde as idades máis temperás e a traballar conxuntamente con toda a cidadanía para erradicar calquera forma de violencia machista.
Ademais da concentración, o Auditorio Municipal acolleu hoxe a representación da obra ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, da compañía ‘Redrum Teatro’, unha iniciativa dirixida ao alumnado de ciclos formativos.



