A Asociación Cultural Terra Calda presenta unha campaña de crowdfunding en Verkami para facer realidade o monumento dedicado ao monarca nacido na vila
A Asociación Cultural Terra Calda presentou este martes, no Salón de Plenos do Concello de Caldas de Reis, o proxecto cultural e patrimonial impulsado para crear unha estatua conmemorativa dedicada a Afonso VII, coincidindo coa celebración do 900 aniversario da súa coroación como rei (1126–2026). No acto participaron responsables da agrupación, ademais do alcalde, Jacobo Pérez.
A iniciativa nace co obxectivo de recuperar e poñer en valor a memoria histórica dun dos personaxes máis relevantes da historia medieval peninsular. Afonso VII, coñecido historicamente como Imperator Totius Hispaniae, naceu en Caldas de Reis no ano 1105 e converteuse nunha das grandes figuras políticas da súa época.
O proxecto busca dotar á vila dun monumento permanente que sirva non só como homenaxe institucional e cultural ao monarca, senón tamén como elemento de divulgación histórica, identidade local e atractivo patrimonial para Caldas de Reis. A estatua atópase actualmente em elaboración e a intención é que se poida inaugurar a finais do vindeiro mês de setembro, tal e como indicou Miguel Fariña, un dos responsables da Asocación Terra Calda.
Crowdfunding en Verkami
Para facer realidade esta iniciativa, Terra Calda lanzará unha campaña de financiamento colectivo a través da plataforma Verkami, aberta á participación da cidadanía, entidades e persoas interesadas na historia e no patrimonio galego, tal e como explicou Miguel Fariña. Actualmente barállanse varias opcións para o emprazamento da figura, como a contorna da Igrexa de San Tomé, na entrada de Román López ou nas inmedacións do asilo.
A campaña permitirá colaborar economicamente coa creación da estatua ao tempo que ofrecerá diferentes recompensas conmemorativas vinculadas ao proxecto, entre elas postais, láminas artísticas numeradas e edicións limitadas inspiradas na figura de Afonso VII e na memoria histórica de Caldas de Reis.
Todas as pezas foron deseñadas especificamente para esta conmemoración e estarán realizadas en edicións limitadas e certificadas pola Asociación Cultural Terra Calda.
Un proxecto colectivo
Desde a asociación destacan que a iniciativa pretende converterse nun proxecto aberto e participativo, no que toda a veciñanza e persoas colaboradoras poidan sentirse parte activa da recuperación da memoria histórica da vila.
Ademais, o proxecto contempla a incorporación dunha placa conmemorativa xunto á estatua cun código QR que permitirá acceder a unha páxina dixital onde figurarán os nomes das persoas, entidades e colectivos colaboradores que desexen formar parte desta homenaxe colectiva.
A presentación oficial serviu tamén para dar a coñecer os primeiros deseños do monumento, os materiais promocionais da campaña e as diferentes accións culturais previstas arredor da figura de Afonso VII. Unha destas ferramentas é a difusión dun vídeo promocional, que se pode ver na plataforma de Verkami e na canle de YouTube da asociación, no que se lembra a vinculación do rei, fillo de Dona Urraca, con Caldas de Reis e a importancia de manter vivo o seu legado. Neste sentido, o alcalde Jacobo Pérez confirmou que a intención do Concello é nomear Fillo Predilecto a Afonso VII no Pleno de xuño.

