Durante o mes de novembro xa se están a impartir obradoiros dirixidos a alumnado de ESO, que buscan incidir na prevención da violencia machista e fomento da igualdade de oportunidades desde a mocidade
O programa inclúe a campaña ‘Ningunha idade merece golpes’, na que tamén se implica ao comercio local; obras de teatro e a concentración e lectura do manifesto, coa colaboración do Club de Lectura da Biblioteca, ás portas do Consistorio o propio 25 de novembro
A concelleira de Igualdade, Rocío Ferro, deu a coñecer este xoves as actividades e iniciativas que forman parte da programación deseñada polo Concello de Caldas de Reis para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro 25 de novembro. O departamento municipal impulsa unha serie de propostas abertas a toda a cidadanía, pero que poñen especialmente o foco no eido educativo, xa que, tal e como explicou a propia Ferro, “para nós é vital a prevención da violencia machista e o fomento da igualdade de oportunidades dende idades moi temperás”. Un dos eixos do programa é unha campaña publicitaria deseñada baixo o lema ‘Ningunha idade merece golpes’, cuxa difusión se está a realizar a través dos centros educativos e do tecido comercial. Precisamente, nos últimos días, a concelleira de Igualdade e o alcalde, Jacobo Pérez, participaron no reparto de cartalería entre os establecementos do núcleo caldense, agradecendo a súa colaboración nunha campaña
de sensibilización “coa que queremos visibilizar a problemática da violencia machista en diferentes etapas da vida. A mensaxe é clara: ningunha desas etapas merece golpes”, aseverou Ferro.
No apartado educativo, xa se están desenvolvendo varios obradoiros para alumnado de diferentes idades. A experta en igualdade Priscila Retamazo imparte ‘Gamers e influencers’, un ciclo dirixido a estudantes de 1º de ESO do IES Aquis Celenis, CPR San Fermín e CPI Alfnoso VII. A través destas sesións búscase contrarrestar as mensaxes e actitudes machistas que, en moitas ocasións, aparecen nas Redes Sociais, converténdoas nunha ferramenta útil para o cambio social. Retamazo tamén é a encargada de dirixir o obradoiro ‘Síndrome Wattpad’, no que alumnas de 4º de ESO destes centros educativos reciben pautas para adoptar unha conciencia crítica sobre “como o machismo impregna as nosas vidas de xeito sutil, polo que se busca adoptar posicionamentos para reverter esa situación”. Pola súa banda, Pepe Cabido imparte un obradoiro para alumnos, tamén de 4º da ESO, sobre a formación da masculinidade, que server para recoñecer a masculinidade hexemónica cooma fonte de privilexios.
A maiores, o alumnado de ciclos formativos terá ocasión de asistir, o martes 25 de novembro, á representación da obra ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, da compañía Redrum Teatro, ás 11.30 horas.
Esa mesma xornada, día central da programación, levarase a cabo a habitual concentración ás portas da Casa Consistorial, un acto aberto a toda a veciñanza, e que incluirá a lectura do manifesto, coa participación dos e das integrantes do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Caldas de Reis,
A programación pecharase o domingo 30 de novembro no Auditorio Municipal, coa representación da obra ‘As furias de Elena Valdomar’, coao que Seara Teatro completa a súa triloxía coa que explora a realidade da muller contemporánea. A cita será ás 18.30 horas e está dirixida a persoas maiores de 14 anos.



