A Casa Consistorial celebrou unha recepción para dar a benvida a estas crianzas, que chegan a través do programa Vacacións en Paz, co que o Concello leva colaborando desde hai preto de tres décadas
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta o fortalecemento dos vínculos e dos lazos de amizade que se producen a través desta experiencia, que permite a estes rapaces e rapazas gozar dunha estancia agradable en Caldas, ademais de vivir unha experiencia enriquecedora a nivel social e cultural
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez,) recibiu o pasado venres na Casa Consistorial a un grupo de nenos e nenas saharauis, que pasarán estes meses de verán na capital do Umia, ao abeiro do programa Vacacións en Paz, desenvolto por Solidaridade Galega co Pobo Saharaui e co que o municipio caldense leva colaborando desde hai preto de 30 anos. Son un total de catro rapazas e dous rapaces os que gozarán do período estival nos domicilios de varias familias da vila, tal e como xa é habitual nas últimas décadas.
Na recepción tomaron parte tamén membros das familias que acollen a estas cativos e cativas ata principios do vindeiro mes de setembro. Jacobo Pérez quixo poñer en valor o espírito solidario e a implicación destas familias, que “son vivo exemplo do espírito colaborativo e a implicación social de Caldas de Reis con este tipo de iniciativas”. O rexedor socialista destacou que “para nós é un orgullo e un pracer poder tomar parte neste programa tan importante, que permite ás crianzas evitar as altas temperaturas e as condicións climatolóxicas extremas do verán que se dan no Sáhara”. Ademais, subliñou que esta experiencia resulta “moi agradable e altamente enriquecedora a nivel social e cultural” tanto para as familias de acollida como para este grupo de nenos e nenas. “Con este tipo de iniciativas refórzanse os vínculos e os lazos de amizade entre Caldas de Reis e o Pobo Saharaui”, indicou Pérez Gulín.
Visita á Ludoteca de Verán
O alcalde tamén visitou este lun saos rapaces e rapazas que participan na edición actual da Ludoteca de Verán, que se prolongará ata finais de agosto e na que toman parte neste mes de xullo preto de 200 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Durante a xornada procedeuse a agasallar ás crianzas con viseiras, para facer fronte ás altas temperaturas.
Este programa, que leva operativo desde hai máis de 15 anos, está impulsado polo Concello de Caldas de Reis co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e persoal das familias do municipio ao longo do período estival.