A actuación contará co cantante Xosé Real ex solista da orquestra Tálamo e do grupo Crepúsculo, de Sarria (Lugo).
A Banda de Música Unión de Lantaño ofrecerá o vindeiro sábado 17 de maio o seu Concerto das Letras Galeagas, a partir das 20 horas no Auditorio da Azucreira de Portas, no que participará como solista Xosé Real, ex cantante do grupo Crepúsculo e da orquestra Tálamo, de Sarria, e actual vocalista do grupo folck Eoas. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.
Neste concerto, a Banda de Música Unión de Lantaño estará dirixida por Adrián Real López, natural de Samos (Lugo), quen exerce como director desta agrupación musical desde outubro do ano 2023. Real é profesor de trompeta na escola de música de Portas e Barro e no Conservatorio Profesional de Música de Santiago ademais de ser profesor de vento metal agudo na escola de música de Moraña.
A Banda de Música Unión de Lantaño está formada por 36 compoñentes de idades diversas e neste concerto incorporaranse como frautas Andrea e Sandra; Roi (saxofón) e Nuria e Alexia (clarinete), todos eles novos músicos que teñen demostrado sabradamente a súa valía e que se unen a esta agrupación a partir deste concerto.
O repertorio escollido para este concerto está composto polas seguintes pezas: Balada Galega, de Xoán Montes; Música Mestres, de Xoán Lois Diéguez; Rapsodia Galega n°1, de Enrique García Rey; Leria leria, de Luis Brage, Bagaxes, de Carlos Rodríguez Torres; Muiñeira dos pendellos, de Xoán Lois Diéguez; -Unha noite na eira do trigo, de Curros Enríquez/Cesáreo Salgado (banda+cantante); Miña Terra galega, de P. Romo e R. Cerratto/Arr. X.L. Represas (banda + cantante); Puerto de Compostela, de Prudencio Romo/Arr. X. L. Represas ( banda + cantante) e A Santiago voy, de Prudencio Romo/Arr. X. L. Represas (banda + cantante).