Os músicos rememoraron o seu paso por aquel “festival reivindicativo” no que estiveron hai moitas décadas.
Centos de persoas acudiron á XIV Festa d@s Moz@s celebrada na Praza do Concello, en Campo Lameiro, na que actuaron Rosa Cedrón, Milladoiro e Luar na Lubre, rememorando o seu respectivo paso por este festival hai varias décadas e compartindo escenario por primeira vez na historia destes míticos artistas da música folk galega, de talla internacional.
Rosa Cedrón, visiblemente emocionada, foi a primeira en subir ao escenario e lembrar como nos inicios da súa carreira musical, daquela en Luar na Lubre, asistira na Carballeira á Festa d@s Moz@s, había xa 33 anos. Esa mesma sensación compartiron co público tanto os compoñentes de Milladoiro, que había máis de 40 anos que non actuaban de novo en Campo Lameiro, e tamén do mítico grupo coruñés, Luar na Lubre.
A relación destes artistas con Campo Lameiro e a Festa d@s Moz@s foi o nexo de unión das súas intervencións sobre o escenario desde o cal agradeceron os aplausos do numeroso público presente así como do Concello, Xunta e Deputación por facilitar a presencia neste festival de música folk.
Tanto Nando Casal (Milladoiro) como Bieito Romero (Luar na Lubre) así como Rosa Cedrón lembraron con certa añoranza a Festa d@s Moz@s dos anos 80 do século pasado como “un festival reivindicativo do galego, da nosa cultura, da nosa música e da nosa idiosincrasia como pobo”.
Abriu a Festa d@s Moz@s Rosa Cedrón interpretando varios temas do seu repertorio persoal, con composicións propias e versións cheas de emoción, sempre acompañadas da súa inconfundible presenza escénica e do son do violonchelo. Entre aplausos do público baixou do escenario para volver máis tarde para rememorar vellos tempos e volver cantar co seu antigo grupo Luar na Lubre e interpretar a famosa canción “Camariñas”, acompañada polo numeroso público presente.
O mítico grupo Milladoiro tomou o relevo no escenario a Rosa Cedrón e co seu estilo inconfundible, no que conviven gaitas, frautas, cordas e percusión, ofreceu un repertorio composto polos temas máis recoñecidos da súa traxectoria xunto con pezas recente que ían compartindo coa audiencia ao tempo que rememoraban o seu paso pola Festa d@s Moz@s de Campo Lameiro hai máis de 40 anos.
Finalmente, Luar na Lubre pechou a xornada cultural e musical de Campo Lameiro facendo un percorrido polos grandes éxitos da súa traxectoria e presentaron temas cunha posta en escena cargada de emoción e enerxía. A súa música, enraizada na tradición galega e aberta ás influencias doutras culturas atlánticas, fixo vibrar ao público de todas as idades.