· A programación rematou coa proxección do documental ‘Chichi e máis eu’ e a presenza do seu director, Nico Campos
· Case 1400 persoas deixáronse atraer pola maxia do cinema en pantalla grande
O Cineclub Cangas pechou a súa última edición de Cinemas Ocultos coa proxección do documental ‘Chichi e máis eu’ dirixido por Nico Campos. O evento contou coa presenza do propio director, quen compartiu co público detalles sobre o proceso de creación do filme. O documental, que aborda a vida e a obra do humorista gráfico Xesús Campos Álvarez, máis coñecido como ‘Chichi Campos’, pai do director, foi seguido dun coloquio.
Durante a charla, Nico Campos explicou que o documental “foi un traballo que me ocupou toda unha vida” e describiu ao seu pai como “un humorista incansable as 24 horas do día”. O director expresou o seu agradecemento á organización e destacou que, a pesar de que Chichi Campos fóra unha figura relevante na década dos 80 en Galicia, a súa memoria foi quedando no esquecemento. Sinalou que o documental non pretende ser un exercicio de nostalxia, senón que busca achegar a figura de Chichi Campos ás novas xeracións e reivindicar o seu legado.
1400 persoas pasaron polo do ‘Cinemas Ocultos’
A asistencia de preto de 1400 persoas, un dato que a organización celebra, consolida o evento como unha cita cultural de referencia en Cangas e reflicte a magnífica acollida por parte do público.
A programación desta décimo novena edición incluíu unha variada selección de títulos de gran calidade como ‘O mal non existe’, do director xaponés Ryūsuke Hamaguchi, que foi unha das películas máis apreciadas polo público. Ademais, proxectáronse outras obras destacadas como a maltesa ‘Luzzu’ ou a italiana ‘Fogos artificiais’.
Unha das proxeccións máis concorridas foi a galega As Neves, que acadou unha gran resposta entre o público, con case 250 asistentes na sala. O éxito desta proxección demostra o interese e apoio do público polo cinema galego e contribúe a poñer en valor o talento cinematográfico do país.
Actividades paralelas que dinamizan a experiencia cinematográfica
Durante a semana, ademais das proxeccións, desenvolvéronse actividades como o obradoiro de stop motion, que contou cunha alta participación, e unha sesión especial para as escolas que achegou o cinema aos máis pequenos. A sección Galicia en Curta foi tamén un punto destacado, visibilizando o traballo de novos creadores galegos e promovendo a difusión do cinema de proximidade.
Compromiso co cinema galego e coa comunidade
Dende o Cineclub Cangas destacan o seu compromiso de seguir promovendo o cinema galego e de manterse como un espazo de encontro e reflexión para a comunidade. “Confiamos en seguir espertando o interese da xente que ama ver bo cine en pantalla grande”, subliñou o equipo organizador.
Recordan que o Cinemas Ocultos non sería posible sen o apoio dos colaboradores e patrocinadores que contribúen a facer realidade este evento. O Cineclub agradécelles a súa implicación, que permite ofrecer unha programación diversa e de gran calidade, así como actividades paralelas dirixidas a todos os públicos.
Co peche desta edición, a organización xa está a traballar na próxima programación, coa intención de continuar ofrecendo propostas cinematográficas que inspiren e conecten co público.