- 191 alumnos e alumnas das escolas do Porriño, participan estes días das actividades que o Festival de Cans propón tamén para a cativada.
O mes de maio no Porriño é, un ano máis, sinónimo de cine da man do Festival de Cans que segue apostando por achegar a maxia dos filmes a todas e a todos do xeito peculiar e orixinal que os deu a coñecer hai xa 22 anos.
Desta volta coa proposta “ Cans do Futuro” preténdese que os nenos e nenas aprendan conceptos cinematográficos alén de coñecer un pouco máis da historia do festival.
Os afortunados hoxe foron os/as alumnos e alumnas de 5º e 6 º de Educación Primaria do CEIP Antonio Palacios, CEIP Cruz de Budiño e o CEIP de Atios . Mañá será a quenda do CPR Hermanos Quiroga e do CEIPP Atios para rematar o venres día 23 cos cativos e cativas do CEIPP Xosé Fernández López e do CPR Sto Tomás.
Un total de 191 estudantes e 18 mestres e mestras participarán da actividade na parroquia porriñesa de Cans donde as casas e os galpóns dos veciños pasan a ser auténticas salas de cine como é o caso do Baixo de Bugarín.
Neste emblemático lugar, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, dáballe a benvida ós rapaces e rapazas apuntando que “apostar polo futuro do Porriño en educación e cultura é unha prioridade para unha formación integral” e animando seguidamente ós visitantes a daren unha volta pola aldea para seguir desfrutando da aventura do cine.
E así foi como a través do “ Roteiro de Iria Misa” seguiron a mesma ruta que os protagonistas do libro “ A excursión a Cans. Unha veciña de película” , rematando a xornada coa intervención de Alicia Francés, directora de fotografía que compartiu algún que outro segredo do mundo do cine.
Unha xornada de lecer e aprendizaxe que non pasou desapercibida para ningún dos participantes.



