O dirixente e portavoz socialista acusou directamente ao goberno do PP de perder máis de 4 millóns en subvencións para Baiona “pola súa absoluta falta de xestión, dedícanse a vexetar”
Gómez mostrou a súa dor “polo dano que intentaron causarme co caso da policía local pero a xustiza puxo as cousas no seu sitio, estou satisfeito e sigo á espera das desculpas do PP”
O dirixente do PSdeG-PSOE e portavoz municipal, Carlos Gómez, cualificou hoxe o primeiro ano do goberno municipal do PP de Almuiña como “un ano perdido para Baiona onde a veciñanza xa é consciente da súa incapacidade, falta de xestión, conformismo e que non podan presentar nin unha soa iniciativa nova para captar investimentos”. Na rolda de prensa Gómez, acompañado e concelleiros/as e militantes, e arroupado polo Secretario de Organización do PSdeG-PSOE na provincia, Luis Piña, e deputados provinciais, acusou ao goberno popular de ter un proxecto inexistente e sen ambición. “Os seus feitos falan de ineptitude, falta de traballo para atender as lexítimas queixas da cidadanía, do seu estilo de confrontación co movemento asociativo, do abandono das parroquias e do tecido produtivo, da extrema sucidade da vila e da ausencia de actuacións en turismo, vivenda, comercio ou nas infraestruturas”.
O dirixente socialista acusou, amais, ao goberno de Almuiña de “mentir sen pudor cando repite continuamente que non había cartos. É falso, como se demostra cando nada máis chegar incorporaron 2,3 millóns de euros dos remanentes do goberno socialista de 3,4 millóns, ou cando no que vai de 24 volveron a incorporar outros 800.000 de 2023. As mentiras teñen as patas cortas”.
Gómez responsabilizou ao goberno de Almuiña de perder máis de 4 millóns de euros en subvencións xestionadas polo anterior goberno do PSOE, entre elas o Plan de Sustentabilidade Turística para a remodelación de Santa Liberata, a implantación da bicicleta eléctrica, o aparcamento en Sabarís e o roteiro que uniría as cinco parroquias; a subvención para cambiar o peche perimetral do campo de Aral; a subvención destinada ao Pavillón para aforro enerxético; ou da perda da subvención do Plan Estratéxico para centros históricos “da que Baiona foi excluída de forma lamentable pola Xunta co beneplácito do PP local, cando tiñamos puntuación suficiente da Fegamp e o Ministerio para conseguir eses 2 millóns de euros. Como sempre Almuiña antepuxo os intereses do seu partido por enriba dos da veciñanza do pobo que goberna”. Carlos Gómez preguntou onde están os investimentos que o PP segue sen traer a Baiona. “De feito, só teñen os proxectos que xestionou o goberno socialista por importe de ata 13 millóns de euros “como os Next Generation para o Parador, o Plan ReacPon do Paseo Pinzón e o Plan PON2030 para a Praza de Victoria Cadaval os dous da Deputación, ou a remodelación da rúa Pontenova en Sabarís”.
Da mesma forma, lamentou a nefasta imaxe de Baiona da que se queixa a veciñanza “con zonas verdes deixadas, sucidade por todas partes, ou a recollida de lixo en situación lamentable”. Denunciou o abandono do movemento asociativo “primando os cachés dos grupos foráneos e rebaixando os das asociacións e colectivos de Baiona”. Tamén cuestionou “a confrontación do goberno do PP co comercio e coas empresas sen colaborar con elas no Nadal ou coa campaña Baiona en Vela onde chegaron a cobrar aos comerciantes que sacaron os seus artigos á rúa”.
Criticou o modelo de turismo “que implantou a dereita desde hai 40 anos, que está desfasado e que non ten en conta á veciñanza que vive en Baiona todo o ano. Están a expulsar á xente mantendo o aluguer a prezos imposibles”. Respecto á vivenda, que cualificou dun problema gravísimo, acusou a Almuiña de “mentir de novo cando di que hai que desenvolver o Plan Xeral porque contempla 4000 vivendas. O que non di o alcalde é que no Plan Xeral do PP de 2014 non aparece chan dotacional para novas infraestruturas, tampouco hostaleiras. Esas cousas non as conta”. Por todo elo, o dirixente socialista afirmou que con este primeiro ano o PP o único que pode garantir é un pobo sucio, abandonado, e sen traballo para a mocidade, un pobo sen futuro”
O caso da policía local
Carlos Gómez mostrou un dobre sentimento polo caso da policía local que definiu como de “acoso e persecución cun alto coste persoal e político”. Por un lado dixo sentirse moi satisfeito porque a xustiza deulle a razón, “aínda que sinto indignación ante os que se negan a aceptar a separación de poderes e intentan utilizar a estruturas xudiciais para conseguir os seus obxectivos. Cren que seguen a vivir na Baiona da ditadura”. Gómez explicou que ata que chegou á Alcaldía ninguén tiña enfrontado de forma clara a problemática xerada por un grupo de axentes que se crían os donos do pobo e con actuacións que veciñas e veciños soportaban con impotencia. “Era intolerable. Tentamos falar con eles, chegar a acordos pero foi imposible, foron a por mi como alcalde”.
O dirixente socialista que, emocionado, pediu desculpas á súa familia, ao seu grupo, ao seu partido e á veciñanza, “porque ao principio comprendo que se xeraran dúbidas”, transmitiu todo o apoio do seu Grupo á nova Xefatura da Policía Local e pediu ao goberno de Almuiña e á xente “ que se sumen á loita para ter unha policía con vocación de servizo que garanta co seu traballo a seguridade e o benestar de todas e todos”.
Pola súa banda Luís Piña felicitou a Gómez en nome do partido. “Sabíamos que a xustiza daríalle a razón e sempre tivo o noso apoio. O PP, afirmou, é especialista en crear esterqueiras e este caso foi unha mentira para intentar danar ao alcalde e adulterar a campaña das municipais. O mínimo que poden facer é pedirlle desculpas. Carlos é un home honrado, o futuro de Baiona pasa por el”.

