O Concello apostou por unha ampla oferta con 16 espectáculos teatrais e 4 películas que converten a Tomiño en referente cultural da comarca
A cultura volveu encher butacas, crear hábito e demostrar que cando a programación é estable e de calidade, o público responde. Tomiño pechou os meses de outubro e novembro cun balance moi positivo: un total de 16 espectáculos teatrais e 4 proxeccións cinematográficas de balde reuniron a case 3.000 persoas no auditorio de Goián, confirmando a boa saúde da aposta cultural do Concello.
Con estas cifras pecha a tempada o programa teatral #CulturON, dirixida tanto a público adulto como infantil e familiar, que forma parte dun programa anual de cultura que o Concello vén desenvolvendo desde hai anos coa infancia, a mocidade e as persoas adultas no centro co obxectivo de fidelizar público cunha oferta continua, diversa e de gran calidade.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estes datos son froito dun compromiso político, técnico e orzamentario firme coa cultura, entendida como un servizo público esencial que mellora a calidade de vida da veciñanza”. A rexedora lembrou que tras a pandemia “o público tardou en regresar aos espazos culturais, pero con constancia, bo criterio e unha programación pensada para todos os públicos, estamos a recuperar e mesmo a superar a asistencia”.
Desde o Concello sublíñase tamén o traballo sostido en comunicación cultural, clave para acadar estes resultados, un camiño que culminou este trimestre coa posta en marcha dunha aplicación móbil de xestión de eventos (Sporttia) que permite adquirir as entradas dos espectáculos con antelación de xeito sinxelo e cómodo.
“O éxito non é casual nin inmediato. A xestión cultural require unha visión a longo prazo e un traballo diario intenso. En Tomiño temos claro que conservar o patrimonio cultural, fomentar a creatividade e garantir o acceso á cultura en igualdade é unha responsabilidade pública que seguiremos asumindo”, recalcou a alcaldesa.
O Goberno local agradece a confianza e a asistencia do público, clave para consolidar ao Auditorio de Goián como un espazo vivo, dinámico e referente cultural na contorna, e reafirma a súa vontade de continuar nesta liña, reforzando unha programación que combina lecer, formación e participación cidadá.



