HomePontevedraDezaCati Somoza será a candidata do PP á alcaldía de Rodeiro tras...

Cati Somoza será a candidata do PP á alcaldía de Rodeiro tras aceptar a proposta unánime do comité executivo e da militancia

- Anuncio -spot_img

• A tenente de alcalde durante nove anos asegura que “foi unha decisión difícil pola miña situación profesional, pero é moi emocionante ter tanto apoio dos compañeiros de partido e dos veciños e creo que tiña que asumir este compromiso con Rodeiro”.


• “Non sei se merezo tanto cariño dos meus compañeiros do PP, da miña familia, dos alcaldes Manuel, Eliseo, Luis e Rubén, de José Luis, que foi a primeira persoa que apostou por min para ir nunha candidatura, e de centos de veciños, pero si sei que me xera unha responsabilidade enorme á que responderei cun traballo infinito. Estou moi ilusionada”, admitiu Somoza.


• A xa candidata tamén agradece o apoio absoluto do presidente provincial e ex alcalde de Rodeiro, Luis López, pero asegura que a decisión final “débolla á miña familia e ao meu fillo adolescente, que me dixo que era moi bonito que tanta xente confiara en min e aínda sería máis bonito poder traballar por todos os veciños”.


• Cati Somoza revela que o presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, púxose en contacto con ela tras aceptar a candidatura e trasladoulle que “era un momento histórico por ser a primeira muller candidata do PP e con posibilidades reais de chegar á Alcaldía e que contaba co respaldo do partido e da Xunta”.

A ex tenente de alcalde de Rodeiro Cati Somoza vai ser a candidata á Alcaldía ao fronte do PP de Rodeiro nas eleccións municipais do 28 de maio tras aceptar a proposta unánime cursada polo Comité Executivo Local e pola militancia popular de Camba.

Ademais, a súa candidatura xa é plenamente oficial, posto que o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, estivo presente na reunión de designación –como integrante da agrupación local– e informou publicamente da súa aprobación, cumprindo así coa necesaria validación por parte da dirección provincial. “Sempre respectamos a decisión de cada territorio, pero é que ademais, e xa de xeito persoal, coincidía coa miña opinión, porque considero que Cati, á que tiven nove anos como primeira tenente de alcalde, é a mellor candidata para o PP e, sobre todo, para Rodeiro”, sinalou Luis López.

Cati Somoza asegurou sentirse “moi emocionada e ilusionada” do respaldo recibido e de emprender este novo reto político: “Foi unha decisión difícil pola miña situación profesional, que non variou moito con respecto á que me obrigou a deixar o Concello hai case tres anos, pero é unha honra ter tanto apoio dos compañeiros de partido e de centos de veciños que me animaban a dar o paso nas últimas semanas, polo que creo que tiña que asumir este compromiso con Rodeiro e co meu partido”.

Respecto á decisión final, tras escoitar nas últimas semanas que a súa proposta era a única contemplada polos militantes, insistíu en que se debeu a ese apoio tan masivo, pero revelou que o paso definitivo “débollo á miña familia e, entre eles, destacaría ao meu fillo adolescente, que me dixo que era moi bonito que tanta xente confiara en min e que aínda sería máis bonito poder traballar todos os días para os veciños”.

“Non sei se merezo tanta honra e cariño dos meus compañeiros do PP, da miña familia, dos alcaldes Manuel Lamazares, Eliseo Diéguez, Luis López e Rubén Quintá, de José Luis Fernández Fafián, que foi a primeira persoa que confiou en min para ir nunha candidatura, e de centos de veciños, pero si sei que me xera unha responsabilidade enorme á que responderei cun traballo infinito porque Rodeiro está no meu corazón e sempre paga a pena. Estou moi ilusionada”, admitiu.

A xa candidata quixo referirse especialmente ao apoio do ex alcalde e máximo responsable provincial do partido, Luis López, “porque está claro que é unha persoa moi carismática e especial para os veciños de Rodeiro e para todos os que conformamos a familia do PP, porque é aglutinador, empático e sempre pensa na xente antes que nel mesmo, e que alguén así me amose tanta confianza é algo que nunca esquecerei”. Este agradecemento tamén o estendeu ao actual alcalde, Rubén Quintá, “que foi xeneroso, coma sempre, porque tivo a valentía de asumir un reto moi difícil e inesperado nestes dous últimos anos e porque se puxo a total disposición e seguro que vai ter un papel fundamental no noso proxecto”.

Finalmente, Cati Somoza revelou que o presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, púxose en contacto con ela tras coñecer que aceptou a candidatura. “Aínda que para min a xente de Rodeiro está por riba de todo, tamén foi moi emocionante que o noso presidente me dera ánimos, me dixera que estamos ante un momento histórico por ser a primeira muller candidata do PP en Rodeiro e con posibilidades reais de chegar á Alcaldía e que me trasladara o respaldo do partido a nivel autonómico e da Xunta”, manifestou a candidata, que tamén dixo que lle puxo como deberes “gañar as eleccións por maioría absoluta, superar o legado dos meus antecesores no cargo e atender aos veciños cunha adicación sen límites”.

Publicacións Relacionadas