HomePontevedraO CondadoCatorce mozas e mozos de distintos puntos de España intervirán para a...

Catorce mozas e mozos de distintos puntos de España intervirán para a mellora da Zec Río Tea grazas ao II Proxecto de Campo Resetea en Ponteareas

- Anuncio -spot_img

• O proxecto de Campo de Voluntariado proxéctase a anos vista en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia

• Chegados de Castilla La Mancha, Castilla y León, Cantabria, Extremadura, Madrid, A Coruña, Ourense e Pontevedra participarán nas actividades da vila e coñecerán os recunchos máis fermosos

Catorce mozas e mozos chegados de distintos puntos de España realizarán unha intervención para a mellora ambiental, patrimonial e do uso público da contorna da praia fluvial da Freixa da man do proxecto de campo “ReseTea en Ponteareas”. A concelleira de Medio Ambiente, Silvia F. Táboas, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, déronlle a benvida no salón de plenos no que tamén estaba Manuel Allegue, director do campo de voluntariado, e os dous monitores que os acompañarán nestes días.

A través de accións ambientais, accións patrimoniais e accións de educación ambiental estas mozas e mozos mellorarán o presente de Ponteareas e abrirán paso a un futuro mellor, así o suliñou a alcaldesa Nava Castro que agradeceu “inmensamente o compromiso desta xuventude que ao longo de doce días intervirá nun espazo de alto valor medioambiental e social como o é a Freixa”.

O proxecto de Campo de Voluntariado non aparece de xeito illado, segundo adiantou a alcaldesa, senón que se proxecta a anos vista, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, co gallo de pór en valor os recursos ambientais, patrimoniais e de uso público da ZEC Río Tea.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ponteareas participa neste enriquecedor proxecto que “mellora os recursos naturais locais e tamén beneficia á xuventude participante que vive unha experiencia na que adquire coñecementos e realiza unha importante aportación medioambiental e social”, suliñou a edil de Medio Ambiente. Silvia Fdez. Táboas tamén puxo o foco na importancia de desenvolver proxectos continuistas que permiten realizar acccións prolongadas no tempo para unha maior efectividade. Nesta liña explicou que o ano pasado localizouse e inventariouse as especies invasoras e agora o proxecto continua coa retirada das especies popularmente coñecidas como unlla de gato e tintoreira. Á vez irán retirando o lixo que atopen pero tamén terán tempo para ocio formativo facendo roteiros de sendeirismo, observación de fauna e flora dende o kayak, visitarán lugares da contorna, excursións a outras vilas de Galicia e gozarán das actividades lúdicas e culturais de Ponteareas e da praia da Freixa.

Explica a concelleira de Medio Ambiente, Silvia F. Táboas, que os obxectivos deste proxecto son a conservación medioambiental, o fomento da participación cidadá e a promoción da biodiversidade.

Durante a súa estancia pernoctarán nas instalacións do CIFP A Granxa e polas tardes poderán participar nas actividades da vila e coñecer os recunchos máis fermosos levando para os seus fogares en Castilla La Mancha, Castilla y León, Cantabria, Extremadura, Madrid, A Coruña, Ourense e Pontevedra unha estampa do rico patrimonio histórico e medio ambiental de Ponteareas.

A Freixa, bañada polo río Tea, está dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC), dentro da Rede Natura 2000, a maior figura de conservación da natureza a nivel Europeo, porque alberga uns importantes valores ambientais e ecolóxicos e promove uns servizos ecosistémicos que son de vital importancia protexer.

Publicacións Relacionadas