A proposta inclúe desde concertos de rock en galego para familias até teatro de reflexión social, pasando por danza infantil e un repertorio musical inédito
O Concello de Tui presenta a programación do Teatro Municipal de Tui para o mes de febreiro cunha oferta cultural variada que combina música, danza e teatro, dirixida a todos os públicos e cun especial protagonismo para os artistas locais.
A programación comeza o venres 6 de febreiro ás 19 h con A Banda dos Insectos, un proxecto de música rock en galego que promete ritmo e diversión para toda a familia. Esta agrupación, formada por Adri Salgado, Eduardo Cadenas, Juan Pérez e Manuel Fernández, destaca polos valores cooperativos, o respecto, a igualdade e a solidariedade que transmiten nas súas cancións. As entradas teñen un prezo de 4€ e 3€.
A música volverá ser protagonista o venres 13 de febreiro ás 21 h cun concerto moi especial: “El mal de l’amor. The songbook of Gustavo Durán”, que contará coa participación do tenor arxentino Jonatan Alvarado e o músico tudense Samuel Diz. Ambos presentarán en Tui o seu novo disco, gravado en abril de 2025 en Dartington Hall (Inglaterra), no que interpretan tres cancioneiros recompilados polo compositor Gustavo Durán entre 1944 e 1963. Un repertorio en gran parte inédito que vai desde melodías cortesás españolas do século XVI até yaravíes peruanos modernos. As entradas están á venda por 10€ e 7,5€.
O venres 20 de febreiro ás 19 h, a danza toma o escenario con “O Arcón de Noa”, da compañía Amarelo. Carlota Rosón Rojo, Martín Blanco e Raquel Ferradás levarán ao público infantil a un mundo de maxia e fantasía onde os xoguetes cobran vida. Un espectáculo escrito por Lilian Portela que promete fascinar aos máis pequenos e non tan pequenos. As entradas están xa á venda aos prezos de 4€ e 3€.
Para pechar o mes, o venres 27 de febreiro ás 21 h, Teatro de Ningures presentará “As Gardiás”, unha peza teatral que reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da familia e a comunidade. Dirixida por Cristina Domínguez e escrita por Nasser Djemaï, esta montaxe conta coa interpretación de Casilda Alfaro, Melania Cruz, Pepa Barreiro, Rebeca Montero e Sonia Rúa. As entradas, aos prezos de 10€ e 7,5€, pódense mercar en tui.gal ao igual que para os outros espectáculos.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca que “esta programación reflicte o noso compromiso cunha cultura de calidade, diversa e accesible para todos os públicos”. Engade que “estamos especialmente orgullosos de contar con talento local como o de Samuel Diz, músico tudense que está a desenvolver un traballo de grande valor artístico, así como coa presenza dun integrante tudense en A Banda dos Insectos, que traerá o seu rock en galego ao noso teatro”. Sonsoles Vicente afirma que ”queremos que o Teatro Municipal sexa un espazo vivo, onde convivan propostas para as familias, os amantes da música, da danza e do teatro de reflexión social”.
Todas as entradas están á venda até 10 minutos antes do inicio de cada espectáculo en tui.gal.



