Home Tabeirós Cerdedo - Cotobade Cerdedo-Cotobade aproba uns orzamentos récord de 4.386.610 € para 2023 tras un...

Cerdedo-Cotobade aproba uns orzamentos récord de 4.386.610 € para 2023 tras un tenso debate que provocou o abandono dos concelleiros socialistas

- Anuncio -

• Os populares sacaron adiante, en solitario, a aprobación das contas municipais que permitirán a construción da Residencia de Maiores en Carballedo, seguir colaborando coas comunidades de usuarios de augas, recuperar o patrominio etnográfico, remodelar o local da Banda de Cerdedo e crear un centro BTT.

O Pleno da Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou os orzamentos municipais para o ano 2023, grazas ao apoio en solitario do Grupo Popular (o BNG votou en contra e os tres concelleiros do PSdeG-PSOE abandonaron a reunión) que acadan a cifra récord de 4.386.610 euros dos cales o 32,18% vai destinado a Servizos Sociais acadando deste xeito unha cantidade récord de 1.411.428 euros (uns 247,75 euros por habitante). O gasto medio por veciño, segundo se desprende destes orzamentos, sitúase nunha cifra de 770 euros por habitante, cantidade moi superior á de moitos outros concellos similares de Galicia.

Segundo explicou o alcalde, Jorge Cubela, “aprobamos uns orzamentos históricos, cun incremento duns 157.000 euros con respecto aos do ano anterior que permitirán destinar máis cartos a servizos sociais, a acometer investimentos históricos e seguir atendendo como se merecen as entidades veciñais, culturais e deportivas, colectivos sociais e movemento asociativo en xeral de todo o concello. Seguiremos axudando ás comunidades de usuarios de augas ás que levamos destinado xa máis dun millón de euros desde que creamos estas axudas mentras que a Deputación de Pontevedra adica cero euros”.

Cubela salientou tamén que “imos ser un concello con dúas residencias de maiores
grazas ao esforzo e á xestión do equipo de goberno, seguiremos coas humanizacións que están transformando a fisonomía e melloran a calidade de vida dos nosos lugares e veciños e continuaremos axilizando a chegada de servizos como a fibra óptica”.

Este ano os orzamentos municipais contan cuns 157.000 euros máis con respecto aos do anterior por unha maior aportación do Estado en función do aumento da poboación o que, segundo o alcalde Jorge Cubela, “é un simbolo claro de que a tendencia non so é de conservación da poboación senón de que pouco a pouco imos gañando máis habitantes”, indicou.

CIFRA RÉCORD DESTINADA A SERVIZOS SOCIAIS: 1.411.428 EUROS

Cubela cualificou a este orzamento como “equilibrado, realista e que atende as necesidades da veciñanza, mantendo moi alto o nivel de protección social da cidadanía con cifras récord adicadas aos capítulo de Servizos Sociais que nesta ocasión superan 1.411.428 euros. Para nós Servizos Sociais é un capítulo que consideramos básico, fundamental e prioritario pola idade media e os parámetros de dependencia existentes entre a veciñanza e pola situación de crise na que estamos sumidos que fai que reforcemos este apartado. Con anterioridade á fusión, esta partida arroxaba un gasto de 56 € por veciño, unha cifra moi superior á de moitas cidades e vilas de moita máis poboación e orzamento que presentan índices de envellecemento moi similares.

Malia esta boa ratio, os sucesivos orzamentos dende 2017 reforzaron de xeito crecente o investimento nesta área para aumentar o gasto social, grazas aos maiores recursos derivados da fusión, ata o intervalo dos 80-100 euros por habitante. En calquera caso, a nosa aposta é decidida e firme e, seguindo por esta liña, nesta ocasión imos adicar a cifra récord de 1.411.428 euros para Servizos Sociais, o que supón o 32,18 % do total das contas e arroxa un destacado investimento de 247,75 € por habitante, o que supón alcanzar a “excelencia” en Servizos Sociais, segundo os parámetros dunha entidade independente e prestixiosa como a Asociación de Directores e Xerentes desta materia”.

MANTENSE O INVESTIMENTO POR VECIÑO E CONXÉLANSE AS TAXAS

No capítulo de investimentos propios pártese inicialmente dun importe de 750.000 euros, que permitirá facer a aportación municipal para a execución do proxecto de construción dunha residencia e centro de día da terceira idade en Carballedo (756.766,86 euros dos casi 4 millóns que custa a construción). Por outra banda, os orzamentos abondan na estabilidade orzamentaria e na solvencia económica do Concello de Cerdedo-Cotobade cunha de “cero euros” no capítulo de gastos financeiros xa que esta administración local ten “débeda cero” ao non ter que amortizar nengún crédito por ter as súas contas totalmente saneadas e con autusuficiencia económica.

Estes orzamentos seguen mantendo suprimido o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e conxelan a práctica totalidade das taxas vixentes como o Imposto de Bens Inmobles (IBI), o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM-a popular “viñeta”), etc.

O ABANDONO SOCIALISTA DO PLENO, UN “TEATRILLO PARA FACER BARULLO POLA PROXIMIDADE DAS ELECCIÓNS”

Por outra banda, o alcalde referiuse tamén ao abandono do Pleno das concelleiras socialistas durante o debate previo á votación dos orzamentos municipais. “Na quenda de palabra de Ana Couto, a voceira socialista acusoume de non dar axudas durante o pasado ano nin á Banda de Música de Cerdedo nin ás escolas deportivas cando saben que é mentira e así llelo fixen saber. A Banda de Música de Cerdedo recibiu no 2022 entre 8.000 e 9.000 euros mentras que as escolas deportivas tiveron unha subvención nominativa directa de 7.000 euros”.

“O que dixen e que lles molestou tanto foi que en vez de mentir deberían colaborar máis coas entidades deportivas do concello e engadín que a anterior voceira socialista en lugar de axudalas máis, intégrase na directiva dun equipo de fútbol de Pontevedra.

Por que? Porque vive en Pontevedra e so ven aquí para asistir aos plenos. Isto provocou o enfado de Lina Garrido e anunciou que marchaba do Pleno obrigando ás súas compañeiras a secundala. Non lles faltei ao respecto nin a ela nin a ninguén e non me dirixín a ninguén do público. Ademais de levantarse acta por escrito do Pleno tamén se gravou así que quen queira pode facer as comprobacións oportunas para comprobar que é totalmente certo o que digo”, engadiu Cubela.

Finalmente, Cubela manifestou que “este paripé, este teatrillo é froito do nerviosismo do que fan gala sempre cando faltan 3 meses para as eleccións. Agora que queda pouco para pasar polas urnas, fan barullo para facerse notar”.

En ausencia das concelleiras socialistas rexeitouse tamén unha moción do PSdeG-PSOE que reclamaba á Xunta o arranxo dun aporte de auga no entronque coa N-541 preto de onde se produciu o accidente do autobús sinistrado en Noiteboa. Cubela rexeitou esta proposta e cualificouna de “infamia” porque “se non van aos sitios é mellor que non presenten nada porque a auga nace na parte correspondente á N-541 e o vial da Xunta non traslada auga á nacional. Emprazámoslles a que falen cos veciños e escoiten as decenas de comentarios que fan referencia á súa sorpresa por este comentario que so obedecer ao desexo do PSOE de lavarlle a cara ao Ministerio de Fomento”.

Relacionadas

O Goberno de Caballero bloquea unha iniciativa do BNG reclamando a alta velocidade entre...

0
A fronte nacionalista trasladou unha proposta de declaración institucional para o vindeiro Pleno municipal que foi vetada pola maioría do PSOE e que o...

A Xunta apoia o Campionato do Mundo de Endurance que converterá Sanxenxo esta semana...

0
O secretario xeral para Deporte destacou o potencial de Galicia como sede de eventos internacionais da motonáutica e, en xeral, para acoller probas deportivas...

O vicepresidente Rafa Domínguez asiste á terceira xornada Triple Hélice organizada polo Foro Empresa...

0
O vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu hoxe á terceira xornada Triple Hélice do Foro Empresa Pontevedra, que levou por título...

Continúa a restauración ambiental do río Couso

0
O sábado 4 de maio retomamos as actividades de restauración ambiental no río Couso mediante a retirada de residuos e a extracción de especies...

A Deputación recomenda aplicar tratamento ante as primeiras manchas de mildio detectadas nas viñas

0
A Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte da necesidade de aplicar un tratamento o antes posible nos predios que non o recibiran antes ou naqueles que...

Cuntis pechou o primeiro trimestre de 2024 co seu rexistro de desemprego máis baixo...

0
• O alcalde, Manuel Campos, participou este mércores nunha reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE), do que forma parte o Concello...

Publicacións Relacionadas