Comunidades de usuarios de augas de Rega do Foxo, Fonte do Can, Liñeiriños, Salgueiros, Igrexario e Frade recibiron achegas da administración autonómica por importe de 12.000 € cada unha
O Cerdedo-Cotobade mellorou durante o pasado ano 2020 a súa rede de subministro de auga no rural en seis traídas veciñais despois de recibir subvencións da Xunta de Galicia por importe total de casi 110.000 euros, divididas en axudas de Vicepresidencia para comunidade de augas legalizadas (uns 72.000 euros) e a Consellería de Infraestruturas (37.675 euros).
Estas axudas veñen a refrendar o proceso impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade entre a veciñanza para legalizar as traídas de auga existentes co fin de poder optar a subvencións en infraestruturas hídricas e mellorar deste xeito o subministro nas zonas rurais. De non estaren legalizadas non poderían optar a estas liñas de axuda.
Así, seis comunidades de usuarios de augas de Cerdedo-Cotobade afrontaron durante este pasado ano novas melloras nos seus sistemas de almacenamento e abastecemento, xestionados por elas co apoio do Concello xa que se trata dunha competencia municipal, tras recibir a concesión de axudas económicas para estas tarefas por parte da Xunta de Galicia ao abeiro da orde para a subvención de proxectos de asociacións.
Con estes fondos, que globalmente acadaron os 72.000 euros, uns 12.000 euros por traída, preténdense seguir implantando medidas que garantan o subministro da poboación ante o aumento de risco da seca dos últimos anos.
As axudas, cifradas individualmente en 12.000 euros por cada entidade, van beneficiar ás comunidades de usuarios de augas de Rega do Foxo, Fonte do Can, Liñeiriños, Salgueiros, Igrexario e Frade, pertencentes ás parroquias de Tenorio, Viascón e Loureiro. Estes fondos destináronse a obras diversas das súas redes de abastecemento, como cambios de tubarías, traballos de mellora, reposición de canalizacións, execución de casetas e arquetas, peches dos perímetros dos mananciais ou aproveitamentos de auga.
CAMPAÑA A PROL DA LEGALIZACIÓN E REXISTRO DAS TRAÍDAS DE AUGA
O alcalde, Jorge Cubela, insistiu na necesidade de impulsar desde o Concello campañas de sensibilización entre a veciñanza para que todas as traídas de auga existentes se legalicen e rexistren co fin de favorecer tamén que estes colectivos veciñais poidan acceder ás distintas subvencións que desde as administracións públicas se ofrecen para axudar ás comunidades de usuarios.
Cubela lembrou que o Plan Municipal de Loita Contra a Seca de CerdedoCotobade ten en marcha, dende o ano 2017, a construción de case 25 depósitos de auga espallados por todo o territorio cun financiamento do Concello, a través de axudas finalistas directas, que supera os 600.000 euros. Estas instalacións, coas que se pretende reforzar o servizo e garantir que non haxa desabastecemento, sitúanse en Tresaldeas Os Castros-Outeiro, Framil-Peniñas, Vilalén, Meilide, Covas, Cabenca-Revolta, Vilar, Filgueira, Tomonde, Folgoso, Borela, O Picoto. Pazos de Borela, Rebordelo, Boliñas-Augasantas, Cuqueira-Carballedo, Xesteira-Almofrei, Susteliño, Paraños, Cuspedriños, Dorna, Vila de Abaixo, O Coto, Tenorio e San Xurxo.