Home Pontevedra Barro Cinco mozas de Vigo, Sanxenxo e Barro álzanse cos premios de "Cambiemos...

Cinco mozas de Vigo, Sanxenxo e Barro álzanse cos premios de “Cambiemos o Conto” concurso promovido pola Deputación para fomentar a igualdade

- Anuncio -

Alba Domínguez, do IES Vilalonga de Sanxenxo; Sabela Vázquez, do IES do Castro de Vigo; Aroa Vicente, do IES de Barro; e Nerea Silva e Lía Fernández, do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, alzáronse cos galardóns

O martes 14 de marzo entregaranse os premios deste concurso escolar no que participaron 59 rapazas e rapaces de 58 centros de ensino da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe os nomes das mozas gañadoras da primeira edición de “Cambiemos o conto”, o concurso escolar “para que a rapazada denuncie o carácter machista de estrofas ou versos de cancións populares” e que “naceu para quedar, porque a rapazada amosou un gran compromiso” enviando 59 candidaturas aos premios. Alba Domínguez, do IES Vilalonga de Sanxenxo; Sabela Vázquez, do IES do Castro de Vigo; Aroa Vicente, do IES de Barro; e Nerea Silva e Lía Fernández, do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, alzáronse cos galardóns que recibirán o vindeiro martes, 14 de marzo, ás 12:30 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial, nun acto no que non faltarán representantes dos centros educativos participantes.

Carmela Silva lembrou que “Cambiemos o conto” é unha das accións organizadas pola Deputación ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, xa que “desde que o puxemos en marcha fomos tomando decisións para que non quedase soamente nun escrito de defensa dos dereitos das mulleres na escrita, senón que queríamos que fose un instrumento que as permitise avanzar”. A través do concurso, pedíuselle ao alumnado dos centros educativos da provincia da ESO, bacharelato e FP que escollese unha estrofa ou un verso dunha canción que se escoite na súa contorna, que sexa moi popular e teña contido machista: “É moi doado atopalas –asegurou a presidenta–: non hai máis que ir ao reggaeton”. A partir desa denuncia a rapazada tiña que “escribir un relato de entre 3500 e 7000 caracteres denunciando ese carácter machista e contrastándoo con como queremos construír o mundo e as relacións desde o feminismo”, subliñou Carmela Silva ao tempo que agradeceu a implicación dos 58 centros educativos participantes, “que tanto traballan e se comprometen cos proxectos que poñemos en marcha”.

Na modalidade da ESO o primeiro premio vai para Alba Domínguez Soutullo, estudante de 2º ESO do IES Vilalonga de Sanxenxo. O 2º premio foi parar a Sabela Vázquez Castro, alumna de 3º ESO do IES do Castro de Vigo co relato “Medrosa Carolina”. Por ultimo nesta categoría, o 3º premio foi para Aroa Vicente López, estudante de 3º ESO do IES de Barro co relato “O temor de todo asasino”.

Na modalidade de Bacharelato e FP, recibe o 1º premio Nerea Silva Rodríguez, alumna de 1º bacharelato do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, e o 2º premio Lía Fernández Vicente, estudante de 2º deste mesmo centro co relato “Incidente 34” (o 3º premio nesta categoría quedou deserto). Os 1º premios de ambas as dúas modalidades reciben unha actuación musical ou un encontro cunha escritora galega para o centro gañador, e un ordenador portátil para a moza gañadora. Os 2º premios, tamén das dúas modalidades, consistirán nun encontro cunha escritora galega para o centro gañador, e unha tablet para a moza gañadora. E o 3º premio recibirá o obradoiro ‘Mudando Letras’ para o centro gañador, e un agasallo didáctico para a moza gañadora.

O Manifesto de Soutomaior, protagonista da programación da Deputación polo 8M
A entrega de premios “Cambiemos o conto” é unha das actividades que forman parte da programación da Deputación neste mes de marzo co gallo do 8M co lema “A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos”. Ademais, ao abeiro do Manifesto de Soutomaior este mes tamén se lanzará a convocatoria dos premios literarios “Hai unha voz”, que recoñecen o papel das escritoras, e o 21 de marzo presentarase o libro “Ti non sabes o que é ser escritora” escrito polas asinantes do Manifesto e ‘aliadas’, unha recompilación de relatos inéditos sobre feminismo acompañados de creacións de mulleres ilustradoras.

O Manifesto de Soutomaior tamén está a traballar na actualidade noutros proxectos como un concurso de composición para musicar a obra de poetas galegas, un observatorio sobre a situación das mulleres na literatura, e a creación dunha biblioteca dixital de mulleres da escrita.

Relacionadas

O Concello de Redondela demanda ás administracións autonómica e estatal o arranxo das estradas

0
-O goberno local urxe as obras de humanización da avenida Mendiño en Redondela e a segunda fase da avenida de Vigo en Chapela, que...

Baiona participa na VI edición do Día das Vilas Mariñeiras que se celebrará en...

0
A Concellería de Turismo de Baiona, está a traballar para levar tamén a unha representación da veciñanza baionesa. O Concello de Baiona desprazará a...

O Concello de Covelo adestra corpo e mente da man da Universidade de Vigo

0
A sesión práctica deste primeiro seminario tivo lugar onte xoves cunha ruta radio saudable Un ano máis, o Concello de Covelo e a Universidade de...

Aberta a convocatoria para participar na segunda edición da Residencia FICBUEU

0
O prazo de inscrición estará aberto desde o luns 15 de abril ao 15 de maio O Festival Internacional de Cinema de Bueu acaba de...

Baiona acolle o curso gratuíto para o exercicio profesional de socorrismo acuático

0
A Xunta de Galicia convoca a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) o "Curso de Formación Específica de Socorrismo en Instalacións e...

200 persoas inscritas para a andaina cultural deste domingo

0
A andaina percorrerá a Ruta de Montes e Praias e contará co actuación do Coro de Cámara Thalassa na Igrexa de Santa María do...

Publicacións Relacionadas