Foliada no Espazo Feiral, circo para público familiar con Kote Malabar e teatro co grupo de Rebordáns completan a programación do día
A rúa Compostela acollerá mañá venres a primeira verbena das Festas de San Telmo 2025, que estará amenizada pola orquestra Claxxon. Con dous pases —o primeiro de 21 h a 22 h e o segundo de 00 h a 2 h— este grupo galego fará un percorrido polos mellores temas de rock e pop dende os anos 70 até a actualidade.
Mañá venres tamén terá lugar a Foliada das festas no Espazo Feiral a partir das 22 h. Unha festa de música marcada polo son de pandeiretas, con bailes populares e mantendo viva a tradición galega.
Previamente, ás 18 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, haberá unha actuación de circo, humor e malabares con Kote Malabar e o seu espectáculo Cirkote. Kote Malabar leva máis de 20 anos facendo rir e desfrutar aos máis pequenos e pequenas da casa con técnicas de circo, clown e teatro cómico.
Xa ás 21 h no Teatro Municipal remata a XV Semana de Teatro Amador. O grupo de Rebordáns será o encargado de pechar esta programación coa estrea de “O amor non ten idade”. Baixo a dirección de Laura Villaverde —autora da obra— en escena están Concepción Pereira, Mª Isabel González, Ángela Oliveira, Katia Rocha, Concepción Costa, Juana Dávila, Álvaro Iglesias, José Álvarez, Tatiana Pérez e Álvaro Iglesias.
En “O amor non ten idade” un grupo de mulleres de vila, acostumadas a coidar dos demais, embarcan nunha viaxe inesperada que as leva da igrexa a un médium e, finalmente, a un programa de televisión. O que comeza como un busca de respostas convértese nun descubrimento máis profundo: nunca é tarde para namorar… de si mesmas.
As entradas, ao prezo de 2€, están á venda en tui.gal até mañá venres as 18 h e dende as 20 h no despacho de billetes do Teatro Municipal.