Imprescindible ter o certificado de discapacidade ou estar en posesión dun certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual.
Dado o impacto de crecemento que está a ter o sector na zona, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) organiza un curso de Xestión e limpeza de establecementos turísticos que vai impartir en Cangas do Morrazo, no edificio do Concello en horario de mañá de 9 a 14 horas.
As persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que queiran participar nesta formación deben contactar, antes do 28 de febreiro, coa oficina que COGAMI ten aberta en Pontevedra no teléfono 986 863 709 ou a través do correo electrónico silpontevedra@cogami.gal.
Esta formación é unha das accións que promove o programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo na provincia de Pontevedra, co fin de ofrecer oportunidades para poder acceder ao mercado de traballo por primeira vez ou para lograr a reciclaxe profesional das persoas con discapacidade de entre 18 e 65 anos.
A formación conta cunha duración de 165 horas, 50 horas serán teóricas sobre a xestión de limpeza e recepción, 70 horas serán realizadas como prácticas en empresas da zona e, ademais, impartiranse 45 horas de informática. As persoas participantes que rematen a formación terán dereito a un diploma que acredite os coñecementos adquiridos.



