Estas formacións, cofinanciadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación profesional e Deportes, ofrecen capacitación práctica en xestión e servizos administrativos a 68 persoas.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en marcha novos cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) en diferentes localidades galegas, co obxectivo de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e facilitar a súa inserción laboral. Estas accións formativas están cofinanciadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
En Vigo, comezou o curso de Actividades de xestión administrativa, que se desenvolverá ata o 28 de xullo de 2026 cun total de 958 horas, das cales 220 corresponden a prácticas en empresa. Participan 14 persoas (10 mulleres e 4 homes) dos concellos de Vigo, Baiona, Mos e Tui, que buscan acadar un certificado de profesionalidade de nivel 2. A formación abrangue contidos de atención ao cliente, xestión comercial, contabilidade, prevención de riscos laborais e ofimática.
En Santiago de Compostela, o curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais prolongarase ata o 5 de marzo de 2026. Cunha duración total de 508 horas, das que 108 son de prácticas en empresas, participan 14 persoas (10 mulleres e 4 homes) dos concellos de Santiago, Ames, Vedra, Teo, Oroso, Tordoia e Negreira, cunha franxa de idade entre os 25 e 50 anos.
Tamén se imparten cursos da mesma especialidade en Ourense, Ferrol e A Coruña, con idéntica estrutura formativa: 508 horas totais, 108 de formación práctica e módulos de técnicas administrativas, comunicación, reprodución e arquivo, prevención de riscos laborais e igualdade de xénero.
En Ourense, o curso arrancou con 10 persoas participantes (7 mulleres e 3 homes) de concellos como Ourense, Barbadás, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz e San Cibrao das Viñas.
En Ferrol, iniciouse con 15 persoas (9 mulleres e 6 homes) procedentes de Mugardos, Narón, Ferrol, Fene e Pontedeume.
En A Coruña, participan 15 persoas (11 mulleres e 4 homes) dos concellos da Coruña, Cambre, Bergondo, Culleredo, Arteixo, Sada e Carballo.
Estas accións formativas ofrecen unha oportunidade de mellora das competencias profesionais e de acceso ao mercado laboral, combinando formación teórica con prácticas en empresas, e reforzando así o compromiso de COGAMI coa inclusión laboral das persoas con discapacidade e con dificultades de acceso ao emprego.



