A deputada de Patrimonio María Ortega explica que as entidades beneficiarias foron as asociacións Sueste e Sodináutica
A Deputación vén de conceder dúas subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia a dous colectivos do Morrazo: as asociacións Sueste e Sodináutica para rehabilitar dous galeóns. Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega a intención é fomentar a recuperacións de bens de interese que integran o patrimonio relacionado co mar e os ríos na provincia, “que conta cunha grande riqueza e singularidade que é preciso preservar e difundir”, motivo polo que se concedeu unha axuda de 13.887 euros e de 3.100 euros respectivamente.
Segundo explica Ortega, a Asociación Recreativa e culturral Sueste, presentou un proxecto para a rehabilitación do galegón das rías ‘Eliseo’, conseguindo a totalidade dos puntos posibles na valoración e superando o límite máximo de 10.000 euros por actuación marcado inicialmente. De feito, chegou ata o 80% do orzamento máximo establecido por non esgotar a partida orzamentaria. No seu caso, a Asocición Sodinautica propuxo un cambio de motor foraborda de apoio de galeón, obtendo o 79,94% do orzamento da actuación con 60 puntos de valoración.
No total da provincia a liña de axudas para a recuperación e posta en valora do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos, que se repartiron 101.230 euros. Principalmente os colectivos beneficiarios localizáronse no Salnés (7), Vigo (4) e Poio (1).
Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización.
Outras das actuacións subvencionadas permitida eran as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Tamén se permitían axudas ás intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.
As axudas desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, tiñan un orzamento de 150.000 euros. O importe máximo da subvención para cada actuación non podía exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros. No caso de que os proxectos financiados non esgotasen a partida orzamentaria, como foi o caso, podía superarse o límite de dez mil euros por proxecto (sempre que non se supere o 80 % do orzamento), baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.
Todas as actuacións subvencionadas tiveron que ser realizadas ao longo de 2020 empregando solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura.