HomePontevedraPoioCombarro prepárase para despedir este venres ao Mexillón na recuperación dos enterros...

Combarro prepárase para despedir este venres ao Mexillón na recuperación dos enterros máis emblemáticos do Entroido de Poio

- Anuncio -spot_img

• O sábado Campelo acollerá o Festival Infantil e o Entroido na Veciñanza, que organizan a Asociación de Veciños de a Asociación de Mulleres Arela, en colaboración coa Concellería de Cultura

• A programación esténdese ata ben entrado o mes de marzo, cos enterros do Berberecho de Lourido, do Galo Fodorico e do Galo Bruxo de Samieira

Logo do éxito de participación, colorido e asistencia do gran desfile do pasado domingo, o Entroido non dá respiro en Poio. A programación, unha das máis completas deste emblemático festexo en toda a comarca de Pontevedra, entra agora nunha nova fase, na que os tradicionais enterros collen protagonismo. O primeiro deles será este venres, a partir das 20.30 horas, en Combarro, onde o Ateneo Corredoira prepara xa a despedida do Mexillón. A comitiva, que contará con acompañamento musical de varias comparsas da vila, sairá do porto da Canteira ata a Praza da Chousa, onde terá lugar a incineración do bivalvo.

Xa o sábado, as celebracións trasladaranse a Campelo, onde a Asociación de Veciños organiza a Festa Infantil, desde as 17.00 horas, para, desde as 20.00 horas, iniciarse o Entroido na Veciñanza, no que o humor, a animación e a gastronomía serán protagonistas, ademais doutras sorpresas. De cara ao mes de marzo, o venres 3, desde as 20.30 horas, a Asociación de Veciños de Lourido organiza o Enterro do Berberecho, con festa para as crianzas previa desde as 18.00 horas. Haberá premios individuais e por parellas tanto en categoría de adultos como infantil. Xa o sábado 4, chegará outro dos grandes momentos da programación: a incineración do Galo Fodorico Agusto Bastante da Asociación Ronsel, que neste 2023 adoptou un carácter reivindicativo contra a inflación e a suba de prezos. As iniciativas específicas desta data tan sinalada serán dadas a coñecer nos vindeiros días.

O Enterro do Galo Bruxo de Samieira, organizado pola SCD Samieira, porá o broche de ouro á programación o sábado 18 de marzo na Praza Alfredo Romay. Todas estas actividades contan coa colaboración da Concellería de Cultura, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez.

Publicacións Relacionadas