HomePontevedraComeza a conta atrás para celebrar esta fin de semana o II...

Comeza a conta atrás para celebrar esta fin de semana o II Campionato interbarrios Xogos na rúa Efecto PO2

- Anuncio -spot_img

Xogos na rúa disputarase en oito barrios da cidade con probas como peletre, tres en raia, o pano, pelexa de galos…

Comeza a conta atrás para a celebración do II Campionato Interbarrios Xogos na rúa Efectos PO2, no que crianzas e maiores (familias ou grupos de amizade) compartirán risas e diversión ao tempo que medirán as súas habilidades en xogos tradicionais e colaborativos. A cita é esta fin de semana, os días 11 e 12 de xuño, e implica a oito barrios da cidade, tres máis que na primeira edición (Mollavao, Valdecorvos e A Moureira). Non é a única novidade desta proposta da Concellaría de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías, xa que haberá algúns xogos distintos aos do ano pasado.

A xornada do sábado será a fase clasificadora na que os equipos amosarán as súas destrezas en “disciplinas” máis coñecidas como o peletre ou tres en raia pero incorporaranse propostas como a sete e media no chan (un xogo de puntería) ou a pelexa de galos que mestura reflexos, rapidez e picardía para superar a proba.

O domingo celebrarase a final con xogos como a corda ou o tiro argola e outros que se coñecerán o mesmo día: o pano, os esquís familiares, a colleita de mazarocas, os sacos…?

O sábado as probas serán simultáneas en oito barrios da cidade entre as 11.00 e as 13.00 horas:
• Monte Porreiro, paseo do Miradoiro
• Valdecorvos-O Castañal, na praza das Regas
• Pontevedra Leste, na pasarela Doce de novembro
• O Gorgullón-Eduardo Pondal, na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa
• Campolongo, paseo detrás da igrexa entre a rúa Alcalde Hevia e as pistas do Colexio
• A Moureira-San Roque, rúa Raíña Vitoria
• Mollavao, pista do skate
Os gañadores de cada barrio competirán o domingo pola copa do campionato na avenida de Montero Rios entre as 11.00 e as 13.00 horas.

Publicacións Relacionadas